Presentación do Festival da Liberdade (09/07/16)

O pasado 9 de xullo o Centro Social A Tiradoura de Cangas acolleu a presentación da segunda edición do Festival da Liberdade, que terá lugar en outubro tamén no concello morracense. Despois do éxito da edición do 2015 e á espera de que o campo de Montecarrasco volva acoller un feixe de bandazas galegas e estatais, estivemos na veiga da Tiradoura, en Reboredo, gozando coa Compañía do Ruído e Labregxs do Tempo dos Sputniks.

Antes de nada dicir que nesta festa de presentación, alén da Compañía e xs Labregxs tamén estiveron Rebeliom do Inframundo, mais xa sabedes que ir con crianzas a un festival moitas veces significa perderse os últimos grupos e iso foi o que nos aconteceu esa noitiña a nós. Desculpas aos Rebeliom por non ter rexistro do seu paso pola Tiradoura, outra vez será.

De quen si poidemos gozar foi da Compañía. O grupo do Barbanza presentouse con formación renovada, mantendo o Capitán Chumeiras á fronte da nave e mais a Sabela coa gaita co engadido de Andrés na percusión -coñecerédelo probablemente polo seu labor en Trópico de Grelos-, de Ismael na tuba -da Fanfarria Taquikardia- e mais de Bolboreta coa pandeireta. Aires máis tropicais por momentos, co "punchi-punchi" máis medido ca noutras ocasións e o Chumeiras levando a batuta coma sempre.

E despois, Labregxs. Moitas ganas de miralxs ao vivo despois de varios anos sen ollalxs e cumpriron as expectativas depositadas nelxs. Forza absoluta no escenario para un repertorio baseado nos temas do seu disco de estrea.  Malia levar pouco tempo na rúa, este traballo nútrese de composicións dos outros proxectos do Leo, García e Lidia, alén dos que xa foron rodando con esta formación, co que todos son de sobra coñecidos para xs seareirxs. A enerxía deste trío no escenario é algo que só se pode entender se a ves ao vivo, así que non deixedes de buscalos na Axenda de concertos e aproveita a ocasión pois é un auténtico luxo de concerto o que ofrecen.

TEXTO E FOTOS: lavesedo

 


Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto