Voltan os máis jrandes!!

Volvían os máis jrandes e os movementos previos auguraban noite épica: boa promoción na rede, 3 500 entradas esgotadas en 2 días, e centos de seareiros quentando o ambiente ás portas da discoteca LP45 de Ordes 5 horas antes do retorno dos Heredeiros da Crus. Na porta escoitábase falar o galego de Verín ou o das Mariñas, mais sobre todo o dos visiños dos protagonistas da noite. A mocidade da Barbanza foi fiel a unha banda recoñecida en todo o país e reverenciada na súa bisbarra de orixe. Mulleres ribeirenses que lembraban a estrea nas festas da Dorna en 1992.

Mozos sonenses que non puideran ir ao concerto na súa parroquia hai 10 anos porque a avoa non lles deixara tras escoitar as atrocidades que daqueles ghedelludos contaba o cura. E ademais centos de rapaces de Ribeira, da Pobra, de Aguiño ou de Boiro que apenas naceran cando saíu A Cuadrilla de Pepa A Loba, (Xurelo Roxo, 1994).

Precisamente o cartaz do concerto era unha homenaxe a capa dese histórico traballo, protagonizada daquela pola avoa do Tonhito de Poi e agora pola súa bisneta, a filla do guitarrista. Posando na mesma postura e sendo reflexo de como os Heredeiros xa son un grupo interxeracional ou como eles din un show con público de 0 a 80 anos.

As tres horas e media de espectáculo comezaron irreverentes na mensaxe e stonianas na actitude dun Javi Maneiro contaxiado pola enerxía dun público enfervorizado con “Alabaré” e continuaron debullando unha gran parte da súa discografía no medio dun espectáculo potente, de moi bo son e produción coidada. Quitando certos festivais do verán, -agora en horas baixas pola falta de apoio-, non é habitual ollar un grupo de rock galego gozar da oportunidade de exprimir o seu potencial cos medios dos que dispuxeron os Heredeiros o pasado sábado en Ordes e cómpre sinalar que a iniciativa resultou. Nas vindeiras semanas sabérase canto de proféticas teñen as palabras coas que Tucho abandonou o escenario e se definitivamente a banda volveu para ficar ou se, pola contra, todo morre nesta apoteose, mais o certo é que demostraron ser a banda de rock galego con máis tirón entre a mocidade. O motivo do éxito é loxicamente complexo, mais ten que  ver moito coa aparente facilidade coa que fusionan o rock anglosaxón da década de 1970 no musical cunhas letras e un xeito de falar e de dicir as cousas que lles son moi próximos aos seareiros.

Pioneiros en facer rock galego falando de sexo sen ningún tipo de reparos, recibiron críticas da Igrexa pero tamén do feminismo e pódese dicir de feito que a proposta escénica do grupo sempre camiñou na estrema co bizarre, para algúns ultrapasándoa en certas actitudes como nos stripteases que non faltaron no seu revival. Eles deféndense dicindo que naceron antes de que existise o politicamente correcto e o seu público semella aprobalo; unha rapaza explícao así diante das cámaras de TV que gravaban os prolegómenos: gústanme porque son eles propios.

Volvendo ao rego do musical, hai que sinalar que as novidades na sonoridade do grupo veñen da man da nova sección de ventos e dos teclados, que xunto á formación tradicional de voz, dúas guitarras, baixo e batería, conforman un son que apunta a big band, mais só se volven entrar a gravar material no estudio saberemos se se consolida esta nova proposta. Sería interesante ver se segue a ter o éxito que tiñan nos anos 90, mais a fidelidade coa que  as miles de gorxas cantaron “A chaqueta de lana”, “O fillo de José” ou “Que jallo é”, só por citar 3 dos temas máis agardados, fai ver que si. Que seguen a ser os máis jrandes.



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto