Familia Caamagno no Aturuxo (07/05/17)

Como vos contamos hai dúas semanas, a Familia Caamagno volvía á casa despois de andar por terras estranxeiras a seguir a apresentar o seu Para unha vez que saímos, publicado no 2016. Fixeron paraxe en Bueu, no Atu, e até alí foron Lety GF e Fer para bailar gagnán un bocadiño e de paso achegarnos esta estupenda crítica, con fotos incluídas. Non te perdas o resumo da festa que se montou no Aturuxo hai 9 días coa visita da banda de rock de Sigüeiro e o seu "Para unha vez que saímos".

Familia Caamagno é un dos nosos grupos de cabeceira, sempre presta ir un concerto deles. Nestes últimos anos témoslles mirado nunha  chea de concertos, tanto en festivais como en salas, e é nestas últimas onde, ao meu parecer, sacan todo o seu potencial. Un “frontman” como Manuele Caamagno, activo e pronto a interactuar co público, precisa desa intimidade que ofrecen as salas. O que te remata por convencer para asistir a un concerto dos de Sigüeiro e que tocan “a dios”, e que vas bailar, mellor ou peor, queiras ou non.

Coñecedores de todo isto, o que nos faltaba era saber cando tocarían pola nosa zona, unha vez rematada a súa xira por diferentes cidades do estado. Tivemos sorte, pois na primeira finde, tras a súa volta a casa, achegáronse ata o Aturuxo (a nosa sala de cabeceira, e aquí non cabe discusión!). A cita foi o pasado domingo 7 de maio (o de programar concertos en xornadas dominicais é habitual na sala de Bueu, o que non resta afluencia a estas citas e que, incluso, algúns agradecen).

O concerto non defraudou a ninguén, a xente bailou e cantou. O grupo foi debullando os seus dous últimos traballos (“Para unha vez que saímos” e “Hai que andar cos tempos”), sobre o escenario. Tamén houbo tempo para as versións, xa foran doutros grupos ou mesmo de cancións propias (neste caso aproveitando a coincidencia coa xornada electoral no país onde tiran a froita española, bailou Le Pen no tema "Baila Gagnán"). Na derradeira media hora, o Manuele pasou máis tempo entre o público que no escenario (nalgún tema deixaron só no escenario ao Toni), e a xente respondeu con bailes “raros” e berrando os retrousos dos temas, algúns con máis éxito que outros. Todo acabou co tema “O ritmo da caverna”, cantado por un público totalmente entregado, que se me antolla como a fin perfecta para esta cita de domingo.

Lembrade que, segundo anunciaron nas súas redes sociais, os Familia Caamagno este ano non se van prodigar moito por salas, así que se tedes ocasión non deixedes de asistir aos seus concertos. Eles poñen a música, ti só tes que bailar.

MÁIS FOTOS DO CONCERTO

Texto: Fer

Fotos: Lety GF

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto