Compostela Contemporánea é arte na rúa

Entre os pasados 15 e 24 de setembro celebrouse en Santiago a segunda edición do Festival Internacional de Muralismo e Intervencións Urbanas Compostela Contemporánea. Desta volta non só ían encher as rúas de cores, se non tamén algunha noite de música, e algunha conferencia para coñecer os participantes da edición anterior. Así que até alí foi Lety GF non para pintar murais senón para se encher de notas, e letras, na praza 8 de marzo do barrio de San Pedro.

Foi un Festival Internacional de Muralismo e Intervencións Urbanas pero nós non participamos nel, non nos pasamos a ver eses muros,  nin nos apuntamos  a participar nas master clases destes artistas. Porque o noso é a música, é o que nos enche as que para Gzmúsica escribimos. Tras deixar a pintura con 12 anos, alí quedou esquecida ata ter que retomala brevemente para pasar polo bacharelato artístico e facer algún que outro figurín na carreira, e alí segue metida no caixón desastre do esquencemento. Iso si, tomamos nota para un día que nos cadre pasear pola capital botar unha ollada a estas pinturas, nesta ligazón podedes ver onde se atopan.

Si puidemos ver na Praza 8 de marzo da rúa San Pedro o proceso de algúns retratos  de personaxes ben coñecidos. Máis porque foi isto? Porque ese era o escenario onde nos nos achegamos para enchernos de notas (ou neste caso de letras diría eu).

A iso das 10 e media subían 2pasos ao escenario, aos que máis tarde acompañaría Thomas Dylan. Era a primeira vez que tiña a oportunidade de ver esta formación, e non porque non quixese, se non porque nunca estiven moi metida no mundo do rap. Supoño que en parte será porque non é un estilo que sexa habitual ver nos festivais do país… así que agás por recomendación non adoito facer quilómetros por un único concerto de alguén que non coñezo. Máis hei de dicir que foi grata a sorpresa, no vídeo tedes uns petiscos para coñecer un chisco do que fan.

Despois, e xa con algo máis de ambiente na rúa (pois a xente xa debía ter o bandullo cheo) Xenderal subía ao escenario. Desta volta acompañado por Rulassie Selektah. Deste singjay xa vos temos traído algún vídeo, así que para que non aburrades a canción da intro da última temporada de GZMusicaTV, deixámosvos un dos temas máis actuais “Cambia de canal”. Aínda que para actual o dubplate que lle fixo a Rulassie e que se puido escoitar por primeira vez en directo “Compostela tropical”, o cal agardamos escoitar nunha nova mixtape do selecta, que xa van caendo anos sobre aquel “Real peregrinos”.

E xa para ir rematando tocáballe a quenda aos Alto Asalto. Notábaselles que estaban a gusto na casa, tanto que non faltaban chamadas a que xente do público se unise, tirábanse os valos para que non houbese fronteiras, e amigos eran chamados a colaborar. E das colaboracións  entre amigos traemos mostra, desde o “LobbysHomes” (que podedes escoitar no primeiro traballo en solitario de Sokram, unha versión dos Alto Asalto, “Cambiar o adobo”, na que tamén colabora o de Ordes, ata un adianto doutra colaboración, pero esta teredes que agardar ata que saquen o novo disco para escoitalo enteiro desde as vosas casas.

Aquí podes ver MÁIS FOTOS

VÍDEO: 2pasos & Thomas Dyla, Xenderal & Rulassie Selektah, Alto Asalto con Sokram 

Texto, vídeo e fotos: Lety GF

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto