Ata sempre tour no Aturuxo de Bueu (19/11/17)

Chotokoeu están de despedida. Despois de 10 anos percorrendo Europa, a banda con sede en Uxes percorre o país co Ata Sempre Tour. Fomos miralos ao Aturuxo de Bueu e volvemos con sensacións encontradas: contentas polo concertazo que gozamos e tristes pola despedida da banda. Aquí vos queda a crónica de Lety GF e as fotos do Xabicas...e lembrade que aínda estades a tempo de ver Chotokoeu ao vivo, por exemplo este sábado en Soutomaior.

Domingo de novembro sen resaca. E coido que desde antes do verán sen pasar por un concerto no Aturuxo, que tampouco é o mesmo que non pasar polo local a tomar unha. Entrar no Atu, ir saudar algunha cara coñecida e en 5-10 minutos doume a volta e xa vexo os músicos no escenario, entro correndo nun visto e non visto a sala xa se enchera.

Entre os coñecidos a miúdo me queixo que sempre estamos vendo as mesmas bandas. E aló ía, ver unha banda que vin unha chea de veces! Mais claro, tamén se lle colle aquel a quen se ve a miúdo… e por se a caso, non quería quedar sen ver os Chotokoeu unha última vez (cando menos polo de agora). 

Creo desta volta pasara a lo menos un ano dende a última vez que os vin nas Brétemas. Tempo tiña que facer… pois houbo polo menos 3 temas que non me soaban de nada así de primeiras, un máis punk, e aínda que sorprenda non cantado por Davizín. Outro máis galego, con pandeireta a ritmo de muiñeira incluída. Ata a voz de Marta semellábame estar condimentada con especias de máis rexistros diferentes. E segundo algún asistente neste concerto a banda soaba musicalmente mellor que noutros concertos.

A parte deses temiñas novos para min, o que me chocou foi velos máis apiñados que de costume no escenario, pois son banda que desde hai anos sempre vin nos festivais. Pero tamén puidemos gozar con algúns dos habituais, e que se non me equivoco podedes  atopar nos dous discos que teñen de estudio. Como poden ser Bye, bye!, Xa fai sol, Ouh la la ou O ritmo que bailas.
Por outro lado, como xa vos amosamos nas nosas redes sociais, fixeron Compañía do ruído e Rebeliom do Inframundo a banda tampouco quixo deixar de subir o carro de falar dos incendios que sufrimos o pasado mes. E tamén se van unir o próximo 1 de decembro en Soutomaior (xunto coa Güintervan, as Punkiereteiras, e a Fanfarria Taquikardia) os concertos expansivos e solidarios, neste caso para xuntar cartos e facer traballos de prevención do lume nesa zona.

Tamén tiveron momento sentimental, co tema Viajera, creo que se chamaba así, porque supoño que para unha banda que leva 10 anos, estes últimos compartindo meses enteiros Europa en diante e convivindo 24 horas o dia... emocionará, e a vez que se precisará un respiro dará mágoa. Non me quedou claro se é unha despedida a curto ou longo prazo, o tempo diránolo.
E como soe pasar… cando chegou o remate do concerto a xente non o quería. Os do norte fixeron caso o seu público e botaron un bis con Huracán, pero as outras 3 despois xa non colaron, pero é que claro… supoño ir do Morrazo ata a “Cruña” éche unha boa tirada para a véspera dun día de traballo.
Así que nada, se queredes velos unha última vez (a lo menos polo de agora) non faltedes a cita en Soutomaior, ou a algunha das últimas datas da súa xira Ata sempre tour.

AQUÍ PODES VER MÁIS FOTOS

Texto: Lety GF

Fotos: Xabicas

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto