Ruxe Ruxe arrasan a Capitol

Unha horas antes de que os Medomedá saísen quentar o ambiente, a nova xa corría pola rede: entradas esgotadas para a presentación de Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras. E é que mentres as administracións seguen sen lles facer oco aos grupos do país nas programacións oficiais das festas, a xente resposta de maneira contundente: Heredeiros, aforo esgotado na LP-45 de Ordes, -3500 persoas-. Ruxe Ruxe, todo vendido na Capitol, -750 persoas e moitos na porta sen entrada-. Algo ferve na música galega, que non vos enganen os agoreiros!


De feito, non cansou de repetilo Vituco Neira durante o concerto. Hai moita e moi boa música galega, e unha mostra interesante pasou polo escenario da Capitol este sábado 31 de marzo. Ao carón dos Ruxe, amigos varios que serven de exemplo da calidade e variedade que está a acadar a nosa música. Os Dios Ke Te Crew, o Bocixa dos Zënzar, Xavier Díaz de Berrogüetto e Roi Maceda dos Quempallou. Nada máis e nada menos e de propina o comezo de festa da man dos Medomedá, que demostran, como moitas outras bandas, que hai relevo asegurado.


Soaban os acordes de Rock do país e aínda os máis atrasados estaban a entrar. Abrir as portas da sala de concertos da Capitol era caer no fervedoiro Ruxe. Grande ambiente, coa rapazada bourando en primeira liña e moitas gorxas axudando ao Vituco a botarlle uns temas que xa comezan a ser himnos. Dúas horas sen apenas acougo, unha apisonadora de son á que lle marcaban o ritmo o Demo de Tasmania e mais o Torroncho e sobre a que a gaita, a frauta e a guitarra voaban. Foron pasando os amigos polo escenario e os primeiros en baixar, os DKTC, xa lles avisaban aos demais nos cameríns: Preparaivos porque é brutal! E abofé que o era. Subir naquel escenario era o mesmo que recibir unha inxección de adrenalina no corazón, levados polo aire pola enerxía que desprendían 750 almas a botar sen desmaio.

En definitiva, grande festa de apresentación do novo traballo dos Ruxe, -que de seguro andará este verán por máis dun festival do país-, arrodeados dos seus amigos, enriba e embaixo do escenario. Seica houbo algún falliño de son, -a banda levaba 6 meses sen tocar ao vivo, enleados gravando este novo traballo-, pero á maioría pasounos desapercibido. Estabamos demasiado ocupados en chimpar, berrar e gozar cos Ruxe.

 


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto