Pre Candeloria 2018 no Clavicémbalo

Ruxe, Rebeliom e Arrhythmia estiveron o venres pasado dando tralla no Clavicémbalo de Lugo. A organización do Festival da Candeloria, que comeza este xoves, argallou unha festa "Pre Candeloria" para ir quentando o ambiente en Lugo nas vésperas dun festi que este ano pasa de 2 a 3 días por vez primeira. GZmúsica andará máis un ano pola Candeloria pero xa fomos enviando unha cabesa de ponte para recoñecer a zona a pasada semana e contarnos como foi esta festa Pre Candeloria. Velaquí as fotos e vídeos do Miguel Grandío da que se montou no Clavi este venres.

Desde ás 8 do serán deste xoves 22 de febreiro até as 7 da mañá xa do domingo 25, Lugo acollerá a quinta edición da Candeloria. Un cartaz que xunta bandas internacionais como GBH, Satanic Surfers, Russkaja, Mafalda ou Non Servium con formacións de aquí como Habelas Hainas, Sés, Agoraphobia, Machina ou O Puto Coro do Exército Froinalista. Nesta quinta edición, por vez primeira, o festival pasa a 3 días. Os organizadores son uns toliños da música e non lles pareceu abondo así que argallaron unha festa Pre Candeloria este pasado venres 16, con 3 bandas galegas no escenario do Clavicémbalo. Ruxe Ruxe, Arrhythmia e Rebeliom do Inframundo. 

Até o templo musical da cidade das murallas achegouse o Miguel Grandío coas súas cámaras e envíanos reportaxe videográfica da noite no Clavi, primeira parada desta Candeloria 2018 que xa vai collendo xeito en Lugo. Como podedes ver, houbo moi bo ambiente na sala luguesa, con moita xente nos concertos -tamén se agarda unha moi boa entrada no festival que comeza xoves, visto o ritmo de venda de entradas- e 3 bandas de estilos dispares mais con directos potentes no escenario.

As tres, por certo, habituais doutros anos na Candeloria e unha delas, os lugueses Arrhythmia, que aínda teñen outra preparada para esta Candeloria, coa gravación do seu novo videoclip no recinto do festival o sábado ás 15:15h, despois da sesión vermú. Cun cantante asturianu como convidado -miren o cartaz do festi e fagan apostas :P - e con algunha outra sorpresa de seguro.

Probablemente, unha das últimas actuacións do Héctor á batería cos Ruxe, pois nun mes estréase na súa nova andaina con Terbutalina. Máis ou menos na altura han presentar os de Aríns o seu novo batera, que xa está a ensaiar coa banda.

Arrhythmia é a "banda da casa" na Candeloria. Non é difícil atopalos no festi, xa non só tocando senón botando unha man na organización ou gozando coas súas bandas favoritas. Non podían faltar nesta festa Pre Candeloria.

Pioneiros no hip hop desde Pontakas (aka Ponte Areias) e unha das bandas máis en forma do ano pasado nos escenarios, os Rebeliom mostraron as súas armas diante dun público entragado.

Estando Rebeliom e Arrhythmia unha mesma noite no escenario, non podía faltar a poderosa colaboración que gravaron hai un ano

AQUÍ PODES VER MÁIS FOTOS

FOTOS e VÍDEOS: Miguel Grandío

Texto: Redacción GZmúsica



Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto