Viaxamos a 1952


Tanxedoras presenta o seu 3° disco, 1952, no que homenaxean a Alan Lomax. Do legado deste etnomusicólogo, que percorreu infinidade de pobos do mundo recollendo as súas musicas tradicionais e que en novembro de 1952 (de aí o título do disco) estivo no noso país “rescatando” un patrimonio musical importantísimo, do que o trío Tanxedoras extraeu 18 xoias da música tradicional galega. Marabilladas por este impresionante arquivo lánzanse a gravar un bo lote de cancións preservando a súa identidade e engadindo pequenas pinceladas persoais.

E aínda que esta é unha publicación para falar das Tanxedoras, non podemos deixarvos sen a oportunidade de coñecer o traballo de Alan Lomax, porque el dende fóra recolleu a nosa cultura, é dicir a nosa historia, hai máis de medio século. As súas gravacións son universais e convertéronse nun testemuño doutro tempo para as próximas xeracións.

Neste terceiro traballo Tanxedoras quédase nunha formación de tres. No disco prima a percusión tradicional galega, pandeiretas, cunchas, culleres, legóns e demais trangallada da terra. Neste traballo chaman para colaborar a Roberto Comesaña e Carlos do Viso.

É un disco para bailar, pois xa no primeiro corte dan ganas de botarnos a facer un “tacón, punta, tacón” . Tamén é para cantar e, sobre todo, para escoitar, pois está ateigado de matices. Matices creados, entre outras cousas, pola combinación das voces destas tres cantareiras, ben diferentes, pero que encaixan perfectamente. Nalgunhas cancións vemos como se funden perfectamente o xeito de cantar que acostumaban ter antes cun máis actual. No disco, a parte das xotas e muiñeiras que estamos acostumados a escoitar, non faltan os maneos e ata un corte para arrolar a cativada.

alt

Do disco físico o que máis nos gustou é que non se esqueceran de poñer a procedencia de cada cantar, pois é parte importante para coñecer os diferentes tons e xeitos de tocar e cantar de cada zona, porque tamén son esas diferenzas dialectais as que enriquecen a nosa lingua.

Deixámosvos tamén, para ir dándolle o primeiro bocado ao disco, o vídeo da xota que o pecha. Aproveitade porque nel podedes ver imaxes desta terriña que tanto nos gusta á xente gzmusiqueira, ese mar que botamos en falta cando temos que pasar tempadas no estranxeiro ou no interior… pois é unha xota de aquí, de onde naceu GZmúsica, do Hio.

Aínda que o disco xa vai un tempiño que saíu, Tanxedoras preséntano agora, da man do Ateneo Pontevedrés, este venres 16 de novembro no espazo Nemonon.

Cortes do disco
1 – Fun a feira de San Saturniño
2 – E morreu a burra
3 – Anque me voi non me voi
4 – O Tróupele
5 – Señora Santa Mariña
6 – Eu cantar cantaba benhe
7 – Chamácheme a desafio
8 –  / eres una / eres dos
9 – A pobre viudiña
10 – Pola manga da camisa
11 – Rapaz que bonito
12 – Do outro lado do río
13 – Viene carghado de trigo
14 – Carballeiriña iescura
15 – Arrolo
16 – Heiche de dar para un manto
17 –  ten a figura dun arco
18 – Vente vindo

Texto: Xabicas e Lety GF

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto