Rock peláxico e visceral para a estrea de Gharabullo


Escoita a estrea de Gharabullo. Gravado nos Estudos Bonham da Coruña, o disco mostra as súas afinidades polo punk americano dos 70. Ruído e guitarras, letras cantadas en varios idiomas nunha proposta que axiña andará nos escenarios. Primeiras datas, 30 de marzo cos John Deeres no Forum Celticum, Culleredo, e o 27 de abril no Buril de Sarria.

En GZmúsica gostamos moito da estrea dos Gharabullo. Segundo eles mesmos, una banda que habita na terra pero fai música como se vivise no fondo do mar. Visceral rock peláxico. Eles son Xurxo Rodríguez - guitarra e voz Manuel F. Rodríguez- Guitarra e voz Andrés Nodar - Baixo e voz Uxío Taboada -Batería e percusión e veñen de presentar o 11 de marzo un interesante disco de estrea. Deixámosvos que o escoitedes e de paso lede o texto de promo que nos enviaron. Defíneos moi ben.


Gharabullo é unha nova banda galega con ínfulas de grandeza e intención canina: morder! Acaban de editar seu primeiro esforzo discográfico que se pode escoitar en todas as plataformas dixitais e en breve iniciaran o asalto aos escenarios para defender, como cans de presa, a súa música ao vivo. Gharabullo grava todos xuntos ao unísono porque a súa música é real como martelo de ferreiro.

Gharabullo canta en castelán, en galego, en inglés e italiano...porque aínda non aprendeu máis linguas e o medio impórtalle pouco.

Gharabullo fai un cóctel da Velvet, The Wipers, The Cramps e as b.s.o. tipo Songoku e o regurxita todo sen racionalizalo.

Escóitao e compróbao!


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto