Anónimos, novo EP dos Derradeiros


Tras dous anos sen publicar novo material, a banda de Trasancos vén de sacar un novo traballo, que veu a luz o pasado martes día 2. “Anónimos” é un EP con catro temas cheos de forza e denuncia social. Punk que mira para o rock'n'roll ou para o hard rock mais sempre cun aquel que che lembra bandas dos 70/80 do século pasado. Non lle deas máis voltas e pégalle unha escoita ao terceiro traballo de estudio dos de Ferrolterra!

Este é o terceiro traballo do grupo de Ferrolterra. Foi presentado este sábado día 6, xunto Os John Deeres, na Fundaçom Artábria. Despois de dous anos sen publicar, nos que houbo un cambio de Óscar, pasou á batera no sitio de Fojo, por fin Os Derradeiros publican novo material. Chámase Anónimos e é un Ep de só catro temas no que se notan os diferentes gustos dos integrantes da banda: desde a onda Motörhead de Anónimo ao aire rock'n'roll chuckberryano de Nin Ren.


As letras son con temática social á que ás veces lle tentan dar algo de humor , como en Ionqui do bisté. Un outro dos temas deste traballo, Racismo, denuncia a xenofobia presente na nosa sociedade, tal e como explican eles mesmos: Hai cousa de un ano saíu na prensa a nova dunha agresión a un home que durmía na rúa que nos cabreou dobremente, pola agresión é por como a contaban. Na nova contaban como, ao berro de negro, uns tipos lle petaran a esta persoa e o tiraran a un contedor de obra...e logo dicía que non, que non eran racistas. Nós fixemos esta canción para denunciar a impunidade dos ataques racistas (a policía dicía que eles non tinhan constancia de nada e que non había investigación aberta) e o racismo subliminal que enzoufa a maioría da prensa: para referirse ás súas declaracións non din o seu nome, ou "a vítima", non, din "El sintecho subsahariano afirma".

Con motivo desta canción contactaron coa asociación “Os Ninguéns”, que denunciara este caso, e atopáronse coa boa nova de que a vítima deste ataque xa non vivía na rúa e denunciou o caso ante a xustiza, grazas a axuda desta asociación.


Escoita o novo disco dos Derradeiros!


FOTO: FB dos Derradeiros

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto