Recompilatorio do Hip Hop Ateneu

Vén de se publicar o disco recompilatorio  do Hip Hop Ateneu, unha crew compostelá con xa máis de dez anos de historia. Despois dunha época de pouca actividade, o colectivo santiagués volve con folgos. E faino porque sente a necesidade de facer unha reflexión crítica sobre o seu labor o que os leva a nos ofrecer unha interesante mostra do traballo musical que se xera arredor do colectivo. Hip Hop anticomercial, -segundo eles mesmos din- que será moi do agrado dos amantes do xénero. Bases homoxéneas que ceden o protagonismo a unhas letras afiadas que percorren sen desmaio o universo do propio colectivo. Unha boa mostra de que a autoxestión pode dar froitos máis que apetecibles que rachen coa uniformidade ditada pola industria.



Este primeira compilación do Hip Hop Ateneu trátase dun traballo composto por nove temas e unha intro, -seis cantados en español e catro en galego-, que sobre unha liña clásica nas bases cuspen letras sen concesións aos eufemismos. Sorprende que un traballo coa heteroxeneidade dunha compilación soe tan regular, mais así é. Un bo feixe de Mc’s collen o micro, -até oito voces-, e outro tanto acontece coas músicas, mais alén dos distintos xeitos de rapear de cadaquén, o certo é que o traballo soa sólido. Feito por xente que pertence indubidablemente a unha mesma escola, afeita a traballar dun modo determinado.

As letras camiñan polo universo propio do hip hop e son o medio co que o colectivo conta a súa historia, dispara contra as súas fobias e só de cando en vez abre unha fiestra, -crítica-, ao mundo exterior.

Fiel a un modelo totalmente autoxestionado, o colectivo Hip Hop Ateneu é unha proba máis de como este xeito de traballar, -lonxe de calquera industria discográfica-, pode producir traballos moi interesantes.

Compróbao na súa web, onde podes descargar de balde este e outros traballos do colectivo.

imageimage



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto