A estrea dos Nhió!

O Netlabel máis activo da música galega, -isto é, O Toxo Rabudo Netlabel-, é a plataforma escollida polos Nhió! para presentar a súa estrea discográfica. A maqueta foi gravada en agosto de 2011 no propio local de ensaio da banda. Porén, non a acabaron de misturar até hai pouco. Música punk que cada vez lle sae e lle soa máis roqueira ao grupo xurdido das cinzas dos Retobato.


O traballo só será editado na rede, mais o obxectivo da banda e seguir a gravar algún tema máis e chegar a editar o traballo en formato físico. Porén, tendo en conta o vagar co que editaron os temas gravados o ano pasado no seu ensaio, tampouco dan data para a súa aparición.

O son dos Nhió! é herdeiro directo do punk dos Retobato. De feito, agás o batería Óscar, o resto da banda forma parte dos Nhió! Con todo, dez anos despois de Cousas que cheiran, -primeiro disco dos Retobato-, a pulsión punk acouga ás veces e deixa asomar candencias que se achegan ao rock.

Case todo o seu repertorio son temas propios, cantados en galego. No entanto, hai oco para algunha versión, como As Encrovas de Fuxan Os Ventos, ou o I Don’t Wanna Grow Up dos Ramones traducido para Eu non quero medrar. Tamén para algunhas outras, máis fieis ás orixinais.

A banda de Trasancos dá así un novo paso nunha andaina que comezou o 25 de setembro de 2010 no C.S.O. A Casa da Estación, case dous anos despois da desaparición da súa anterior fomación.






Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto