A Pior, novo disco de Projecto Mourente

Pop de sinterizadores con salpicaduras punk. Letras que van da retroinspección ao panfletismo sutil. Retranca lusista e cancións de desamor no terceiro traballo do Projecto Mourente. Soubemos del na rede e decidímonos a escoitalo despois de ler a fermosa crónica que lle fixo Malas Músicas. Podes escoitar A Pior no interior do artigo.

Catro longos anos pasaron desde a aparición de Kara.o.ke até que no presente mes de maio o proxecto musical de Carlos Valcárcel agromou nesta nova flor de pop electrónico. Os seus dez fermosos pétalos foron gravados entre o 2010 e o 2012 nun apartamento da compostelá Almáciga, para seren logo mesturados e masterizados por Tomás Ageitos nos Estudios da Ponte.

Subscribímolo, e quen o di é Malas Músicas. Non se nos ocorreu mellor xeito de comezar o artigo sobre o terceiro traballo de Projecto Mourente. Desta volta, Carlos Varcárcel volve crear músicas, letras e volve pór voz, teclado e programacións. Iso si, reuníu ao seu redor varios guitarristas, -que lles dan cadanseu toque ás colaboracións-, tamén algún vocalista, para presentar dez temas con múltiples matices. Acontece nas músicas, onde os riffs de Quincho Araújo xogarican co punk e o rock dos 80, mentres que Martín Wu e Álex López achegan consistencia nos temas máis popies. Aínda así, o patrón é precisamente ese, o pop electrónico. Por iso, a diversidade vén maioritariamente nas letras. Saltando da crítica social ao persoal, dannos imaxes novas, ancoradas no positivismo da resistencia. Tanto no social coma no particular, aparece un latexo que ule a venceremos nós, -quen queira que sexamos-, pero tamén a retranca cando a situación o require. Como n'A Revolta dos cosmopailães  ou en Lei e ordem. Pero as letras dan para máis. Quen vaia camiño dos corenta bogando contra a mainstream debe escoitar Vou para pior para saber que non está só. E os máis frikies, atoparán unha dose de autoestima en Feliz assim. Así con cada peza do disco. De feito, os dez temas son un novo exemplo de que o pop pode ter mensaxe sen perder frescura. Compróbao ti mesmx.


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto