Alén do Mar, estrea en solitario de Óscar Ibáñez

O selo Vir presenta o primeiro traballo discográfico en solitario de Óscar Ibáñez, Alén do Mar. Neste disco o gaiteiro e frautista pontevedrés invítanos a unha viaxe sonora que discorre polo Atlántico, a través dunha selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta. Mestizaxe baseada na achega musical da emigración galega a Sudamérica no século XX.


Óscar Ibáñez é un gaiteiro pontevedrés que comezou no 1984 no grupo Treboada de Poio, con apenas 8 anos, e que despois ten pasado por e colaborado con moitas bandas. Alén disto, ten impartido cursos de gaita e percusión en centros galego de todo o mundo e é fundador da Asociación de Toque Pechado de Pontevedra, entre outras moitas cousas. Leva uns anos tocando coa súa Tribo, composta por músicos de recoñecido prestixio na escena galega, coa que xira ao vivo e que tamén colabora no traballo, como tamén o fan músicas e músicos doutras latitudes.

O gaiteiro asumiu para a creación de Alén do Mar a tarefa de irmandar musicalmente o Vello e o Novo Mundo, a través das músicas de ida e volta e da temática da emigración galega a América Latina, nunha liña que abriron formacións como Los Tamara hai anos e pola que transitaron propostas tan dispares como a dos Resentidos ou Carlos Núñez. Aquí tedes un par de vídeos de temas incluídos neste traballo, mostra da mestizaxe procurada. O Pasacorredoiras de Parteme

E o  Bicho Carpinteiro


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto