Telephones Rouges publica Disenso

Disenso é o primeiro LP desta formación de Ogrobe que di facer o que lle peta. E isto é un rock escuro e inocente, de arrecendo americano, do que xa nos teñen deixado mostras ao vivo e nos seus anteriores traballos, EPs, splits ou colaboracións diversas. Escoita íntegro o novo disco dos Telephones Rouges no interior do artigo.


Formados no 2007, os Telephone levan evolucionando arreo desde uns comezos atrevidos nos que as carencias técnicas se tapaban con frescura para ter arestora claro cal é o camiño a tomar. Punk americano. Noise. Escuridade. Atmosferas dos 60 coma contrapunto naif, na onda de moitas das bandas da escena underground actual do país. Si, esas do Galician Bizarre, entre as que tamén se contan os Telephones.

Levan un par de anos de actividade intensa no estudio, pois despois de ir até Abrigueiro a gravar o EP Radiocontrol, este mesmo ano compartiron un split en vinilo cos cataláns Piñata, -banda do mesmo selo, Mama Vynila-, e publican agora este novo proxecto. Trátase do seu primeiro disco longo, gravado no Estudio A Ponte de Tomás Ageitos, que lles ha valer para consolidarse de vez entre as mellores bandas galegas de rock. Aquí o tes!




Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto