O Son Brasilego do Sérgio Tannus

O pasado martes 18 de decembro presentouse ao vivo o disco de Sérgio Tannus, Son Brasilego, no Teatro Principal de Compostela. O traballo foi financiado a través da plataforma Verkami e contou coa colaboración de Uxía, António Zambujo, João Afonso, Ugia Pedreira, Narf, Xabier Díaz ou Carlos do Carmo entre moitos outros. Sérgio Tannus é brasileiro, mais vive en Compostela desde hai 6 anos. Agora estrea disco, son brasileiro amolecido pola chuva do país.

A carón do Tannus, -e artellando a base sólida do CD-, Serginho Sales (piano, teclados e acordeón) e Paulo Silva (percusión e voz), conforman o Sérgio Tannus Trio. Unha formación que fai música popular brasileira desde Compostela. E ultrapasando a anécdota xeográfica, fana intercomunicándoa coa música galega. Así, a canda o cavaquinho e o pandeiro brasileiros, soan a gaita, a pandeireta ou os aturuxos. Non engana o adxectivo, brasilego é o son e sono as letras, e non só as máis explícitas, senón outras como a que narra as tribulacións dun cavaquinho, un pullover e o proprio Sérgio. Choque de civilizacións climático que o Tannus desfai con retranca. Porque o traballo procura tender pontes, e proba irrefutábel é a extensísima listaxe de colaboradores que deixan a súa pegada no traballo. Porén, non pensedes nun desfile de convidados ciscados a eito. Son brasilego está feito desde o cariño, o proprio Tannus di querer agasallar precisamente toda a xente coa que ten tocado nesta beira do océano. E cadaquén achega retallos xerados con anterioridade, a maior parte na complicidade da Borriquita de Belém, o pub compostelán onde o Sérgio Tannus Trio leva actuando un tempo. O resultado final é un disco agradable, enraizado na música popular brasileira mais con moito arrecendo da terra de acollida do Tannus.


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto