Escoita e Descarga o novo traballo de Ataque Escampe

A banda compostelá estreou hai uns días o seu novo traballo na Sala Capitol de Compostela, dentro do concerto presentación dos Discos da Máquina, como xa vos contamos en GZmúsica. Apenas 48 horas despois o traballo xa estaba dispoñible para ser ouvido e descargado no bandcamp do grupo, na liña que as Ataque Escampe marcan desde o seu comezo de apostar polo Creative Commons e de entenderen que a propiedade intelectual (entre outras) é un roubo. Os creadores do rock de serie B transitan neste EP polo cálido e efémero universo das verbenas. Atrévase a pasar unha Noite de agosto con Ataque Escampe.

A verbena é o cumio do verán. A festa, festa é e non hai maior ledicia na infancia e adolescencia que ir a ela. De novos, sorpréndenos ver os adultos a se comportar coma nenos, nesa doce e efémera anarquía guiada, -con sorte-, polo alcol e a música de Ana Kiro. E, como eles mesmos din, con este EP, os de Vista Alegre volven o seu ollar irónico cara ao universo da verbena, recuperando o espírito das orquestras populares e convertendo o torreiro da festa nun lugar desde o que contemplar esta pequena traxedia persoal e colectiva que acabou por envolvelo todo.
O grupo visita, -e tamén eles propios o confesan-, con fachenda crooner xéneros tan variados como a cumbia e o krautrock, o bolero e o calipso, para celebrar o recordo das últimas noites do verán como ese momento no que os soños ou se fan realidade ou fican esquecidos para sempre no máis fondo do padal. E fano, consciente ou inconscientemente, desde estilos opostos ao rock americano que de sempre foi o soporte sonoro das súas composicións: música latina e kosmiche musik. Fulgores da emigración a Cuba e das comunas hippies alemás para este EP que supón un banzo máis no decorrer das Ataque Escampe. Con estas sete cancións, hedonistas e desesperadas, románticas e sempre de volta, feitas para bailar e aparearse, para botar unha gargallada veciñal ou para homenaxear a felicidade dun tempo de abundancia e paparota, o disco Noites de agosto con Ataque Escampe é, en definitiva, un palco desde o que entoar a coro a íntima melodía da resistencia, a promesa ambigua dunha estrela fugaz e derradeira.



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto