Os Minhotos presentan Pinga d'auga

O grupo Os Minhotos presentou o pasado día 14 no Pazo das Pombas de Lugo o seu traballo discográfico Pinga d'auga. O disco contén doce temas nos que o grupo mestura gaitas en diferentes tonalidades, acordeón, zanfona e multitude de instrumentos de percusión tradicional. Pinga d'auga é o primeiro disco do quinteto formado por músicos de Lugo e da Terra Chá. Os integrantes dos Minhotos presentaron o cd “como non podía ser doutra maneira” na rúa do Minho, no Pazo das Pombas. Durante o acto de presentación, explicaron como fora o proceso de creación que deu como froito esta Pinga d'auga e interpretaron varios dos temas recollidos no disco.

Un total de doce temas compoñen este traballo discográfico que pretende ser, como o nome do mesmo indica, “unha pinga minhota que contribúe a crear ese inmenso mar das músicas feitas neste país”. Moitos dos temas interpretados por OS MINHOTOS son arranxos de temas tradicionais pero tamén hai temas de autor e colaboracións de instrumentistas procedentes de diversas formacións.

Xaneco Tubío fixo un percorrido pola orixe do grupo “formado por xente que sempre estivo moi ligada á música tradicional e ao traballo nas asociacións culturais”. Ademais todos os compoñentes de OS MINHOTOS contan con formación en escolas de música e conservatorios ademais de manter, algúns dos compoñentes, unha estreita relación coa construción de instrumentos.

Pola súa banda Alberto Castro presentou aos compoñentes de grupo facendo un percorrido polo curriculo musical de cada un deles. Vitor Otero explicou, na súa intervención, a filosofía do grupo, os proxectos de futuro, e como con este traballo OS MINHOTOS pretenden “aportar unha pinga de auga ao mar da música galega vertendo nos ríos do son a nosa estética”.

Paula Fernández falou da ducía de temas que compoñen o disco. Temas nos que “se misturan os temas tradicionais cos de autor” e tamén “arranxos de temas recollidos nos cancioneiros”. PINGA D´AUGA contén pezas que foron interpretadas ou creadas “por persoas que xogaron un papel transcendental na formación, como músicos, dalgúns compoñentes d´os Minhotos” este é o caso do mestre Enrrique Candal ou, do avó de Bruno, Ramiro Villamor.

Antes de interpretar varios temas, Bruno Villamor falou do proceso de creación do disco, tanto na parte musical como no deseño da embalaxe do cd. Bruno agradeceu o traballo “de quen é o sexto Minhoto, Oscar Trigo, que fixo da gravación musical algo moi sinxelo e agradable”. Bruno Villamor agradeceu tamén o traballo dos colaboradores que interviñeron na gravación e “a xenerosidade do fotógrafo Vicente Ansola”.


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto