Tanxendo As arpas de Breogán

O 2012 foi un ano vizoso para a música do país. No panorama folk, os novos discos de Luar na Lubre, Quempallou ou Os Cempés son de referencia inexcusable, como tamén o son as estreas de, por exemplo, Os Irmandiños de Vincios ou Óscar Ibáñez. E habería que citar moitísimos máis. Precisamente desde a cerna mesma da música de raíz galega, chegounos contra final de ano un traballo que merece ser referenciado. Trátase da nova obra de Rodrigo Romaní, antigo compoñente dos históricos Milladoiro, que nos trouxo o seu terceiro disco, Arpas de Breogán, (Fol Música, 2012), cando estabamos a piques de arrincar a penúltima folla do almanaque do ano extinto. Pasado o entroido, en GZmúsica debullamos estas Arpas de Breogán.

Sen dúbida, é a arpa o instrumento musical que máis marca a carreira musical de Rodrigo Romaní. Malia ser un recoñecido multi-instrumentista, tanto nos seus 22 anos de andaina en Milladoiro coma nos seus tres discos en solitario a arpa é a protagonista. Tamén o seu labor docente na eTRAD está centrado neste instrumento.

De feito, pódese afirmar que, tanto por pioneiro acarón de Emilio Cao coma polo labor na Aula de Arpa Céltica na eTRAD, que Romaní é o pai da arpa galega. Un dos responsables directos de que un instrumento exótico nas formacións folk dos 70 sexa hoxe protagonista en innumerables grupos, -Roi Casal, Sete Saias, Lulavai,...-, nados todos ao acubillo da propia eTRAD e das aulas de Romaní. Quizais por todo o dito, o público agardase un disco coma este desde o momento en que Romaní encetou a súa carreira en solitario. Evidentemente, a arpa está presente en Albeida ou Cantos Caucanos, os seus discos anteriores, mais non é até este As arpas de Breogán, cando asume o protagonismo absoluto. O disco parte dun formato de cuarteto, - dúas arpas, contrabaixo, percusión e mais voces-, acompañados por ocarinas ou elementos de ambientación electrónica. O volume plasma o traballo de investigación de dous anos feito polo propio Romaní arredor das posibilidades sonoras da arpa e nel podemos atopar tanto adaptacións de temas tradicionais, como Mi morena como composicións propias de Romaní. Entre elas destaca a suite As arpas de Breogán, un achegamento á música clásica, a cal, xunto ás sonoridades new age propiciadas pola electrónica, acompañan a tradición ao longo de todo o traballo.
Con certeza, o xeito co que Romaní sabe dosificar a presenza destas influencias, sen desdebuxar a mensaxe na insípida mestura coa que outros artistas do xénero acostuman encher andeis de tendas e fíos musicais de pazos de congresos, é unha das mellores bazas de Arpas de Breogán. Alguén coa sabedoría musical de Romaní podería estar a publicar un disco por ano, dunha feitura digna e industrial. Agradablemente mecánico. Por fortuna, escolleu outro carreiro e agasállanos con alfaias coma esta, feita na súa propia casa.


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto