Radio Cos

Radio Cos presentan o vindeiro sábado 20 de abril na Coruña o seu disco de estrea. No auditorio do Centro Socio Cultural Ágora, os cinco integrantes tocarán os temas do traballo que sae hoxe á venda en tendas e plataformas dixitais. Melodías coñecidas de tod@s, con arrecendos novos, aromas da música de rúa e da foliada, nunha interesante proposta.

Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza. As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas.

Vai para xa nove anos que RADIO COS leva percorrendo escenarios en Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galiza transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional. Agora preséntannos o seu primeiro disco, música de raíz que mestura a sonoridade máis arcaica con elementos tirados da propia tradición e melodías alleas que gardan relación co país.

A banda confórmana tres prestixiosos músicos: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón. Este traballo, concebido con forza e alegría, quere mostrar a invisibilidade que sufren as culturas minorizadas a pesar de estar aí, de arrodearnos, de ser verdades manifestamente palpábeis.

Escoita Sete Cuncas, adianto do disco.

E para rematar, un vídeo ben bonito de orumbista, cremos que na Carballeira de Zas.


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto