Roger de Flor presenta a: Os Silvestres

Roger de Flor estreou disco este outono. Trátase do seu cuarto traballo, Roger de Flor presenta a: Os Silvestres, o primeiro no que emprega exclusivamente o galego e o primeiro tamén no que a banda coa que adoito se acompaña no directo, Os Silvestres, figura nos títulos de crédito do seu traballo. Cuarto traballo de Roger, primeiro dos Silvestres, o seu rock tinguido de blues, pop e swing pasa pola peneira de GZmúsica.

A comezos de outubro, Roger de Flor embarcábase de novo nunha xira para presentar o seu proxecto de por pequenos locais do país. A pasada fin de semana estivo na DiscoTaca de Redondela, no Heicho de dar queridiña de Pontecaldelas e no Celme de Vimianzo. O motivo de que a nao de Roger de Flor volva percorrer a nosa xeografía é o seu cuarto disco Roger de Flor presenta a: Os Silvestres, (Inquedanzas Sonoras, 2013), primeiro no que se fai acompañar “oficialmente” polos Silvestres. Cabe García á batería, O Marqués das Vinhas ao charango e Serxio Galego á guitarra completan a tripulación e até son responsables dalgún dos temas do disco. Oficialmente, porque por vez primeira a sinatura é colectiva, pois ao vivo hai tempo que Roger de Flor alterna as presentacións en solitario coa compañía destes e doutros Silvestres, como Óscar Painceiras, dos Cempés, ou María de Faltriqueira.
Hai máis novidades no cuarto traballo de Roger de Flor e a máis salientable quizais sexa a escolla lingüística, pois despois de alternar galego e castelán nos seus anteriores traballos, con clara preponderancia desta última lingua, desta volta o músico de Limodre, -quizais habería que indicar que todos os Silvestres-, decide que o galego sexa o idioma para todas as composicións cantadas, once, do disco, ás que se une a sinstrumental “Sesta campeste”, asinada por Cabe García.
Roger de Flor é un outro produto xurdido ao abeiro do Felipop, -como Quant ou Boy Elliot-, e malia o pop estar presente nos seus temas, no caso de Roger, o swing, o blues ou o rock americano, teñen non só sabida, senón que son os que marcan a pauta. E as preferencias fican claras desde o primeiro tema do traballo, “Entusiasta seguidor da moda”, versión- unha migalla máis pop- do “Dedicated follower of fashion” de The  Kinks. Tamén o “Mellow Yellow” de Donovan conta con versión no traballo, “Collendo cogumelos”, e ambos os dous insírense sen rechamar no resto de temas, a maioría de Rogelio, aínda que tamén unha fermosa composición de arrecendo africano  do Marqués das Vinhas, o citado instrumental de Cabe ou un tema de Magín Blanco teñen cabida neste traballo, que podía ser considerado case compilación, pois algún dos temas, -como “Non penso volver ver a televisión”, que conta cun videoclip no Xabarín Club-, xa aparecían en anteriores traballos de Roger de Flor e outros son adaptacións para o galego de temas de discos antigos.
Música sinxela e fermosa, apta para todas as idades, -a rapazada fica enganchada ao momento nos retrousos dos temas-, e mostra necesaria de como as cousas modestas e sen artificios poden conter toda a beleza do mundo.

Videoclip de 'Hai un lugar no norte'

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto