Quarteirón(s) de Quempallou

Unhas das formacións do país, no eido do tradicional, que aproveita o comezo do 2015 para se espreguizar da friaxe do inverno é Quempallou. A banda pangalaica, - formadas por integrantes de Bueu, O Incio, Vigo, etc e cun epicentro difuso arredor das Rías Baixas na actualidade- prepara xa o que será o seu sexto traballo. Mais desta volta, Quempallou argallou algo distinto. No canto de presentar todo o disco xunto, vano facer por anacos. Concretamente por Quarteiróns. E xa podes escoitar o primeiro!

O novo disco de Quempallou virá en catro entregas que delongarán até finais deste ano a presentación “total” do traballo.  A primeira destas pílulas musicais xa está dispoñible na rede, en Spotify, e a segunda verá a luz neste primeiro trimestre. Non avanzan máis datos sobre os seguintes cuarteiróns, un pouco por manter o público á espreita do que fan, outro pouco por non pillar os dedos. Son banda xa veterá e saben ben que os procesos de creación e gravación ás veces non levan o ritmo desexado.

Xa que logo, polo de agora podemos gozar coa primeira entrega. Trátase de tres composicións, a primeira é A Maturrangaina, acelerada e endiañada, cunha letra que bota man dos recursos repititivos propios da tradición oral e que de certo será fixa nos concertos da banda. Nesta cancións colabora, igual ca no Fandango da Lagarteira, o violinista Harry Price (Güintervan, A Roda, MacFeck, etc). Polo de agora pouco máis sabemos das colaboracións que irán aparecendo nos vindeiros cuarteiróns, agás a presenza nalgún dos temas novos do arpista Rodrigo Romaní.

Este pequeno adianto é todo o ecléctico que pode ser un disco asinado por unha banda fondamente enraizada na tradición. Así, despois d’A Maturrangaina, peza na liña doutros “hits” dos Quempallou como En que terra me botaches, Rosiña…Na Quinta ou Muller miña, sorpréndenos o Fandango da Lagarteira. Alfaia instrumental que agroma desde o bouzuki de Isaac Millán co que despois se van ensarillando a percusión de Roi Adrio e Xosé Maceda primeiro, o violín de Harry Price e o acordeón de Roi Maceda despois. Para rematar este primeiro Quarteirón, Folión e Sega. Non engana o nome e xa o comezo percutivo, machacón e poderoso, sobre o que logo aparece gaita senlleira, nos trae un aire de danza antiga, que se vai cortando de cando en vez para Guillerme Ignacio botar cántigas vencelladas aos labores da terra.

E así ficamos, á agarda do vindeiro Quarteirón, onde quizais descubramos se a sensación de que ao carón dos temas festeiros de sempre e sen fuxir da tradición, Quempallou dá unha volta de parafuso máis nas súas composicións, como se albisca neste adianto, se consolida.

TEXTO: Daniel Lavesedo. (Publicado no Faro da Cultura do 15 de xaneiro de 2014)

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto