Xabier Díaz, o home da pandeireta

Debullamos The Tambourine Man, o novo disco de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. O noso home da pandeireta fai unha viaxe ás orixes percutivas case tribais da música popular neste seu terceiro disco en solitario, coma sempre cunha escolma de temas recollidos por el no seu traballo de campo. Un artigo de Lavesedo para GZmúsica.

Falar de Xabier Díaz é facelo dun dos nomes senlleiros da música folk e tradicional galega do século XXI… e de finais do XX, pois a súa andaina musical comezou hai máis de vinte anos cando formou parte do nacemento do grupo Rumbadeira. Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Así, en solitario estreouse hai dez anos, con Músicas de Salitre (2005), xunto a Guillerme Fernández,  ao que seguiu  Coplas para Icía (2007) coa participación de Pedro Lamas e Suso Iglesias. Desde hai 8 anos a carreira en solitario do coruñés mantívose  nun aparente silencio  até a aparición hai unhas semanas do seu terceiro traballo, The Tambourine Man. E dicimos aparente, pois a traxectoria musical de Díaz estivo ligada neste intervalo tanto á compañía Nova Galega de Danza, na que foi cantante titular e coa que realizou os espectáculos Alento (2005), Engado (2007) e Tradicción (2009), coma ao grupo Berrogüetto, onde participou dende comezos do 2008 ata o momento en que a banda anunciaba a súa disolución, no  2014. E non só, pois a pegada do músico coruñés tamén está no proxecto aCadaCanto e nalgunha outra formación, case sempre con Guadi Galego, Xosé Lois Romero e nomeadamente Guillerme Fernández presentes ao seu carón, orbitando arredor da produción da factoría musical Músicas de Salitre.

Xa que logo, semella que a fin de Berrogüetto permitiulle ao hiperactivo Xabier volver retomar a súa carreira en solitario. Faino con The Tambourine Man, O home da pandeireta na súa tradución para o noso idioma, chiscadela obvia ao tema homónimo do Dylan. Mais se o home da pandeireta dylanián semella ser un traficante de drogas, o de Xabier Díaz apenas trafega con melodías tradicionais e sentimentos. Coma nos seus traballos anteriores, este seu terceiro disco achega cumpridos datos sobre as informadoras das que recolleu todos estes tesouros, que agora trae até nós.

Na liña dos devanditos proxectos ligados a Músicas de Salitre  –aCadaCanto, Arrolos de Salitre,…-  e tamén da súa anterior produción en solitario, o novo disco de Xabier compila ritmos e cancións da nosa tradición, sempre cun gran protagonismo para a parte vogal, delicadeza máxima no acompañamento musical para acadar un resultado que acouga, músicas lenes para os nosos ouvidos. Fortemente e indiscutiblemente enraizadas na tradición mais cun enfoque vangardista, adoito capaces da máis absoluta das fermosuras desde a súa sinxeleza. Porén, e aquí si rachando coa tónica das súas outras experiencias en solitario ou en Músicas de Salitre,  para este terceiro disco Díaz decidiu arrodearse das Adufeiras de Salitre, co que o proxecto gaña, tanto no propio disco coma ao vivo, con 11 adufeiras e os irmán Álvarez, Gutier e Javier, ao violín, zanfona e acordeón diatónico. No tocante ás colaboracións,  en The Tambourine Man colaboran destacados músicos da música tradicional ibérica, como Kepa Junkera, Carmen París e Aleix Tobias, membro de Coetus, ademais doutros músicos galegos como Xosé Manuel Budiño, Fernando Barroso ou Alfonso Merino.

O disco comeza cunha xota levada apenas con pandeireta e outras percusións menores até que os adufes –e as adufeiras- van unir as súas voces e golpes á peza, Xota Delira, para lle rematar de dar a feitura plenamente tradicional e marcar a liña mestra que percorre todo o traballo. Isto é, unha volta ás orixes, a percusión máis as voces, ao vínculo íntimo co baile que de certo debeu haber na música tradicional desde o comezo. Mais, cunha ollada clara e indubitativamente ancorada no século XXI na liña dos últimos traballos de Davide Salvado ou incluso Caxade e Guadi Galego.

Este artigo foi publicado orixinalmente no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo.

Texto: Lavesedo 

Fotos: Xabierdiaz.com

Escoita o disco en Spotify

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto