Camiñando pola festa cos Zurrumalla

Zurrumalla presentou este ano o seu novo traballo, Camiño por ti (Inquedanzas Sonoras, 2016), o segundo paso por un estudio de gravación nos seus xa 16 anos de historia. Cinco anos despois do seu primeiro disco, o duplo O que había…e o que hai (Inquedanzas Sonoras, 2011), onde sintetizaban a andaina do grupos nos seus –na altura- 11 anos de vida, chega a segunda proposta deste sexteto vigués de música tradicional. Dámoslle unha voltiña ao disco e de paso aproveitamos para gozar de volta co videoclip da "Rumba do Titanis", un dos temas incluídos neste seu segundo traballo.

Gravado nos estudios de A Lagharteira e Ancestral Estudios da man de Isaac Millán, nun proceso que se demorou uns meses –eles propios teñen manifestado en máis dunha ocasión que a dilixencia non é unha das súas virtudes- e que rematou o pasado mes de febreiro deste ano, o novo disco condensa en 17 pezas todas as virtudes desta formación tradicional, festeira e brava, que leva percorrido moitos quilómetros polo país adiante –e non só- de romaría en festa e de festival en foliada. Un disco que é unha festa, como dixo del Nonito Pereira no seu blogue nitope.blogspot.com, e un convite constante ao baile, xa sexa solto ou agarrado.

Foliadas, muiñeiras e rumbas constitúen a cerna do disco, todas elas cantadas, un labor no que participan todos os integrantes de Zurrumalla mais no que destacan Patricia, Bieito e Nacho. Festeiras, por veces aceleradas, nestas pezas é onde mellor se plasma o son do grupo. Como é marca da casa desde o comezo, os temas de composición propia son maioritarios, sempre creados dentro duns patróns fondamente tradicionais, sen moita innovación estilística aínda que por veces o pouco frecuente saxofón e o sempre presente acordeón acheguen a sonoridades máis folkies os regos musicais de Zurrumalla. Iso si, o grupo é quen de transmitir nas súas interpretacións destas temas de feitura tradicional toda a autenticidade que só pode atesourar quen trillou abondo os torreiros galegos.

Ese continuo camiñar polos recantos do país onde a música tradicional segue a se manter viva e formar parte do universo das xentes –obviamente, con todas as diferenzas que hai entre o século XXI e, por exemplo, o XIX- tenlles feito forxar amizades por toda Galiza e a elas vai dedicado este traballo que, agás polo Pousa, “Bonus Track” incluído no disco e gravado inicialmente para o programa da TVG “No bico un cantar”, é unha homenaxe continua a moitas desas amigas feitas no país e unha viaxe por esa xeografía musical con, no caso deste grupo, moitas paraxes nas comarcas sureñas das provincias de Pontevedra e Ourense. Xa desde o comezo, co pasadobre Por ti dedicado á tropa guardesa, pasando pola Muiñeira do Miliario, para os da Baixa Limia, ou o Gaiteiriño da Limia, o Alalá de Pontevedra e rematando coa Foliada de San Bieito de Gondomar, peza de Luís Caruncho. Diciamos que Camiño por ti é unha festa, mais un par de parénteses danlle outros matices e rachan a liña xeral marcada polas outras cancións, cantadas e instrumentais. A Marcha procesional da Volta dos Nove, dedicada ás nove persoas asasinadas no 1936 en Baiona polos bárbaros fascistas na estrada Baiona - A Guarda  e mais Mosenda -nomeadamente no seu comezo- un cantar da montaña ourensá onde fai aparición a zanfona, poñen o contrapunto ao estourido musical que supón o traballo. Unha outra canción que rompe  coa tónica verbeneira é a fermosa Polka laranxa, peza delicada e con protagonismo do acordeón e as culleres, única en todo o disco en que a gaita non está presente.

Atopámonos, pois, diante dun disco que vén remarcar a proposta de Zurrumalla, encadrados nos terreos músico-festivos do que forman parte tamén formacións coma Os Carunchos, Os Melidaos, Quempallou ou A Requinta da Laxeira, coas que teñen compartido moitas veces palcos, torreiros e escenarios.

TEXTO: lavesedo

FOTOS: Zurrumalla

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto