Contrastes rururbanos na estrea de Berlai

Berlai presentou o ano pasado o seu primeiro proxecto. Desconhecido, publicado por Axóuxere é unha proposta que xunta música e banda deseñada para nos contar unha historia ambientada na cada vez máis difusa fronteira entre o rural e o urbano no noso país. Finalista na categoría de música pop nos Premios Martín Códax deste ano, a banda liderada por Xiao Berlai autocualifica o seu son como indie rururbano. Dálle unha escoita a un dos discos galegos máis interesantes e novedosos do 2016!


Xiao Berlai, ex compoñente de Fía na Roca, mudou totalmente o seu estilo para a estrea do proxecto que lidera e que toma o nome da casa de Berlai de Bercelle, onde viviu o seu tío avó Alfonso, protagonista da historia arredor da que xira o proxecto.  Así, desde algo que el define como indie rururbano, artéllase Desconhecido (Axóuxere, 2016). Un proxecto que vai máis alá da música, pois o disco vai acompañado dos debuxos de Ernesto G. Torterolo. Banda deseñada que non é accesoria ou un engadido senón que ten un gran protagonismo, localizando maxistralmente a historia nese territorio rururbano en que virou boa parte do país ou mostrándonos a realidade, aloucada e sucia pero fermosa, en que viviu Alfonso a súa historia de amor prohibido e reclusión voluntaria. Afastamento decidido despois de a familia non consentir a súa relación cunha moza de clase baixa.

A partir da escolla do illamento, rebelde contra as conveccións da época, do seu tío avó Berlai preséntanos un combate permanente entre o lirismo e a vulgaridade nas letras das súas cancións, que camiñan ás veces pola tolemia, sempre pola saudade. Apóianse tamén no cancioneiro tradicional, nomeadamente nas coplas máis obscenas para rematar de configurar ese universo onde ás veigas de millo lles poñen balizamento policial -como ten dito o próprio Berlai- que poesía e banda deseñada tecen arredor da historia de Alfonso.

Xiao Berlai, á esquerda na imaxe, coa banda

No musical, esse indie rurubano do que fala el propio camiña cara ao rock urbano por momentos – en “Far West” onde aparecen o Leo e García Mc, na parte final de “Abro a janela”, en “Só queria repetir”, na que colabora Bocixa, cantante de Zënzar- o que unido ao parecido das voces de Berlai e o Robe Iniesta tráenos ineludiblemente á cabeza ao primeiro Extremoduro. Porén,  hai moito máis. O fulgor do pop de teclados en “Às vezes..., perdim-te” que se volve atormentado en “Um livro estranho”, a dozura do punto e final de “Hoje é por fim...nós” ou o contrapunto reggae de “Cruzei mares” acaban de conformar a envoltura sonora de Desconhecido. E como epílogo, o Bonus Track de “Chegando a Mordor”, un dos mellores momentos do disco.

As primeiras letras xurdíronlle a Xiao xusto despois do pasamento do seu tío avó Alfonso en 2010, aínda que quedaron arrombadas durante 3 anos, até que Berlai as retoma e amplía, arma a banda e comeza un proxecto de micromecenado en Verkami que ultrapasa o obxectivo inicial e permite a materialización deste seu disco de estrea. A gravación nos Estudios Cormorán, con Ramón Campos como técnico, e a impresión dos libros, 96 páxinas coa banda deseñada de Torterolo e o disco incluído. A pesar de ser un proxecto persoal de Xiao Berlai, tanto na gravación coma ao vivo Berlai está acompañado de Pablo Pérez no baixo, Bruno Couceiro na batería e Iago Mouriño nos teclados. Ademais, nos concertos a parte gráfica tamén está presente, coa proxección dos deseñor de Torterolo. Desconhecido presentouse o 30 de novembro do ano pasado, na sala Riquela de Santiago de Compostela, e xa pasou polo Culturgal en formato acústico, polo Garufa Club da Coruña ou o Auriense da cidade das Burgas.

TEXTO: lavesedo



Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto