A dignidade non se merca. Primeira maqueta de Hugo Guezeta

Hai vilas no país que, por unha razón ou outra, rematan por ser o alcouve perfecto para o nacemento de moitísimas bandas. Unha delas é, sen dúbida, Ordes. Pero a densidade musical da vila coruñesa ten o seu reflexo no sur en Ponteareas. A vila do Tea, berce dos lendarios caimáns, acolle neste século un bo feixe de bandas, como Rebeliom do Inframundo ou Skándalo GZ ás que se une agora Hugo Guezeta. Hoxe traémosvos a súa primeira maqueta en solitario, A dignidade non se merca.

O rapeiro de Ponteareas debuta con 10 temas cheos de forza e con letras claras que definen, e denuncian, a actual situación do noso país e do mundo no que vivimos. Moito contido social neste traballo, como é no caso do tema “Queren”, pero tamén noutros temas onde se fai unha crítica mordaz da sociedade actual.

Nesta maqueta Hugo Guezeta conta coa colaboración de xente coma Fernando Pedrido Mariño, Uxío Castro, DJ Rapu e JackDaniels Riddim. Mención aparte merecen as achegas de SonDaRúa (grupo formado polo propio Hugo Guezeta e Álex Arnoso), como é o caso do seu single “Estilo combativo” ou “Fóra”

Moito presta escoitar tamén que se mantén viva a defensa da nosa língua como elemento diferenciador e transmisor da nosa cultura. Por todo isto e moito máis non deixes de escoitar “A dignidade non se merca”.


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto