40 anos de “Fonte do Araño” (1977-2017)

O pasado xoves 2 de novembro na Fundación Luis Seoane da Coruña tivo lugar a presentación da reedición de Fonte do Araño, o histórico disco de Emilio Cao do que agora PolyRock reedita 300 copias en vinilo co gallo do 40 aniversario da súa publicación en 1977.

O acto consistiu nunha audición completa do LP seguida dunha conversa aberta entre Emilio Cao e o público. Esta edición limitada de “Fonte do Araño” – 300 unidades - con motivo do seu 40 Aniversario, conserva a mesma capa deseñada por Xosé Díaz para a edición orixinal e no seu interior o limiar feito por Alan Stivell acreditando a existencia dun mito cultural chamado celtismo do que Galicia forma parte. Foron os dias 18,19 e 20 de abril de 1977 cando Emilio Cao, Bernardo Martínez, Xose Ferreirós, Antón Seoane e Xoan Piñón se reuniron nos Estudios Audiofilm para plasmar en dez cancións a chegada dun tempo novo. O que alí aconteceu quedou rexistrado nun disco transgresor onde se atopamos sons acústicos de zanfonas, arpas, cítolas, gaitas e percusión, xunto a electricidade dos micros e da guitarra eléctrica. Co tempo, este traballo converteuse nunha referencia histórica que abriu o camiño para a música celta na península ibérica- Todo isto posiblemente non tivese acontecido sen a implicación de Nonito Pereira Revuelta, quen, con esta producción, inauguraba o selo discográfico Abrente, no que tamén gravarían despois Seoane e Romaní antes de formar Milladoiro, Xosé Quintas Canella, NHU, Xoan Rubia, María Manoela e Xocaloma.

Os músicos durante a gravación no estudio Audifilm

Parte dos músicos implicados na gravación viñan de formar parte do chamado Movemento Popular da Canción Galega, e compartían ademáis do gusto pola música anglófila, portuguesa, bretoa e os cantores sudamericanos, unha mesma visión respecto a necesidade de renovar a música galega engadindo novos matices, principalmente no referido a unha maior presenza de elementos da nosa cultura. O repertorio seleccionado incluíu tres pezas populares – Pandeirada de Nebra, Arrieiros de Moraña, Romance de Bernardino e Sabeliña -, e sete composicións firmadas por Emilio Cao, quen tamén se encargaría dos arranxos xunto a Bernardo Martínez e Xoan Piñón. Entre elas cabería destacar Fonte do Araño, que dá nome ao disco e presenta unha enfeitizante mistura tecida co son da arpa céltica, gaita e unhas segundas voces anxelicais, Na noite de San Xoan, ou como a zanfona e unha sentida interpretación de Cao serven de guía nunha treboada, Chegando ao Caurel coa pegada do birimbao, e as improvisacións de As gaivotas sobor do nós, sen olvidar Baixaron as fadiñas ou No campo da festa, todas cancións con cadansúas cualidades únicas e inéditas nas gravacións feitas na altura no estado, pero que na escoita en conxunto ofrecen unha experiencia sublime, da que te convidamos a gozar.


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto