The Lákazans presentan hoxe Sandwina na Capitol

The Lákazans presentaron onte o seu primeiro videoclip, "My darling", e hoxe xoves 8 de febreiro abren o Sandwina Tour, que fará paraxe en Compostela, hoxe na Capitol, e mais en Vigo, mañá na Fábrica de Chocolate, para despois levalos a Ferrol o vindeiro 16 de febreiro, Sala Super 8, Vila do Conde (Portugal), o 25 dese mes e, polo de agora, á Pousada das Ánimas do seu Boiro natal o 24 de marzo. Ocasións inmellorables para gozar ao vivo co terceiro disco do septeto do Barbanza, Sandwina, publicado a comezos de ano e que che convidamos a escoitar.

Blues do Barbanza a cachón neste novo disco de The Lákazans, publicado o pasado 8 de xaneiro. Desde o poderosísimo comezo, con 300 Pounds of Legend, até o plácido e saudoso final, My Darling, a banda vai debullando todos os matices que a música americana foi deixando no blues, o que dá como resultado un disco variado, divertido, moi debedor das orixes do blues malia toda esa diversidade pero asemade afastado de todo arcaísmo vintage grazas ao son, deliberadamente actual, conseguido grazas ao uso das posibilidades de gravación do noso tempo.

Videoclip de My Darling, realizado por A Fiestra

E así, entre chiscadelas ao swing, ao rock, ao country van tecendo o seu camiño polo blues neste novo disco que parece vir dicir ás claras que The Lákazans regresa para quedar. Dous anos tardaron en entrar de novo no estudio e neste ‘Sandwina’ Sabela King, Benja Vázquez e Almudena Gómez, volven tomar as rendas das melodías e as letras nun disco que pretende ser un disco de intencións, capitaneado pola muller máis forte do mundo. Nel preténdese debuxar a importancia do empoderamento real da muller, e faise arredor da figura de Kate Brumbwach, unha vienesa do século XIX dedicada ao mundo do circo. É a muller a que compón todas as letras de ‘Sandwina’ e a que leva o fio narrativo do disco, confrontando sentimentos de dor e adversidade con afouteza e poder.

Gravado en Pouland Studios, baixo a atenta mirada de Iago Pico que coproduciu este disco xunto con Fran Velo e Benjamín Vázquez, Sandwina é un compendio de 12 temas que satisfará ós seus siareiros máis fieis, pero que tamén lles abrirá o camiño cara a novos públicos. Sacado baixo o selo de dotbeat! o disco saíu á venda, tanto en formato físico como en dixital, o día 8 de xaneiro. Estará acompañado dunha xira de presentación extensa que dá comezo hoxe 8 de febreiro na Sala Capitol de Compostela e que os levará por Vigo, Ferrol, Coruña, Melide, Boiro, entre outros, e que culminará coa súa participación no Festival Blues Vila do Conde.

FOTO: The Lákazans

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto