Escoitamos Prólogo, o primeiro disco de Samarúas

Samarúas estréase cun traballo autoeditado publicado en xaneiro. Apresentados no 2013, Samarúas é unha proposta folk que plasma neste disco de debut os vieiros que actualmente transita a banda. Folk eminentemente instrumental, aínda que con cabida para a poesía nalgún das súas cancións, nun traballo que comeza cos palabras de Man, o alemán de Camelle, e transita maino, arrecendendo a mar, ao longo dos 7 temas que o compoñen. Dálle unha escoita ao disco e mergúllate no universo destes camaradas.

A canteira do folk galego segue a producir vizosa e continúa a nos sorprender con novas bandas cada pouco tempo. É certo que a última década non foi alá moi boa para o folk do país, se pensamos en bandas más consolidadas, profesionalizadas ou cando menos semiprofesionais, que dixeron adeus -ou até logo- antes de tempo, como Berrogüetto ou Os Cempés. Porén, isto non quita que novas formacións xurdan para tentar se facer un oco no panorama musical do país. Este é o caso de Samarúas, que se estrea no estudio de gravación 5 anos despois da súa formación. 7 temas, 3 deles cantados, destes camaradas -significado de Samarúas no latín dos Arginas-, que busca plasmar o pulso actual da banda. Así, a poesía (de Celso Emilio e Xosé Iglesias), a preocupación polo ser e a búsqueda de novos vínculos de expresión conflúen nas composicións que dan vida a este disco.

Gravado por Jose M. Martínez en Bonham Studios, “Prólogo” é unha declaración de intencións, no que tanto os aspectos musicais como executivos correron a cargo da banda. O apartado visual corre da man de Marcos Martínez e María Gutiérrez (MMweb). A portada é unha alusión á obra de Man, quen deixou unha gran pegada na música de Samarúas. O contacto coas forzas da natureza fixo que as súas obras cobrasen vida, sumerxíndose nun constante proceso de mutación. Ese carácter orgánico semella ideal para enmarcar este traballo. A presentación deste novo disco tivo lugar os pasados 20 e 21 de xaneiro, en dúas localizacións non habituais para a música mais ben curiosas: a Fundación Luís Seoane da Coruña e o faro de cabo Vilán en Camariñas.

       NØN, publicado o ano pasado, foi o primeiro videoclip da banda

A banda Samarúas é unha proposta de música folk galega que se presenta en 2013 como froito das inquedanzas musicais dos seus compoñentes. Gañadores do QueroStar, 2º premio no certame MúsicaXove'14 e finalistas Certame Fran Pérez “NARF” 2017, tocaron en festivais coma o FAM, Asalto ao Castelo, Folk Catalmibre, Festa Galega ou as Bodas de Isabel (Teruel), e colaboraron con eles grandes músicos coma Kepa Junkera. Logo dun ano do lanzamento do seu primeiro videoclip, “NON”, publícase "Adral", un adianto do que se poderá escoitar en "Prólogo" xa dispoñible en todas as súas redes sociais. O grupo está conformado por Fran Trashorras (acordeón), Miguel Vázquez (gaitas e saxo), Antonio Prado (percusións), Tania Caamaño (voz e percusións), Carlos Barcia (guitarra e programacións), Isaac Pérez (batería) e María Blanco (violín).

TEXTO: S. Murias

Pégalle unha escoita!


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto