Análise 2012. Falamos cos Cempés

Seguimos recadando a opinión da xente da música galega sobre o 2012. Hoxe é a quenda dos Cempés, histórica formación folk que se volveu xuntar, despois de varios anos de parón.  Mañá, máis! Tócalle a Ibán, un dos organizadores do Castañazo Rock de Chantada. Non perdas esta semana as análises do 2012 en GZmúsica!

 Os Cempés publicaron disco novo, Tentemozo, e estiveron en varios dos festivais sobranceiros do verán galego. Isto foi o que respostaron ás nosas preguntas.

GZm – Os Cempés comezaron o 2012 anunciando a súa volta e a creación dun proxecto de crowfounding para sacar “Tentemozo”. Para comezar, a pregunta é obrigada. Que sensacións tedes despois do retorno?

Cempés – A volta foi progresiva, con un par de concertos improvisados en 2010 e logo en 2011 directamente a por un novo proxecto...  Creo que fumos acertando en cada paso, ainda que non sabiamos ao comenzo no lio que nos íamos a meter facendo un disco tan complicado e intenso como TENTEMOZO.  Foi un acerto rodearse de tanta xente estupenda e asi sumar a enerxía e arte de todos para levar a bon fin o traballo. Estamos contentos.

GZm – Colleuvos por sorpresa a boa acollida do crowfounding para botar a andar Tentemozo ou confiabades na resposta do público?

Cempés –Foi, unha sorpresa por que non se fixera antes (que saibamos) imaxina que tiñamos 40 días para xuntar a cantidade fixada e en só 4 conseguímolo.  A sensación de apoio por parte dos seguidores quedou mui clara e en verdade que estamos nen agradecidos...

GZm – Falando de Tentemozo, como foi a experiencia de gravar coa xente da Escola Livre?

Cempés –Coordinar  a tantos músicos sempre é complexo, pero cada sesión de ensaios e cada reunión cos alumnos e profesores da ELMPG foi un exercicio de colaboración e bo rollo que estaba claro que o disco sería moi optimista, eles agradeceron a confianza que lles mostramos e nós a súa axuda. Son o futuro, ou parte del e como músicos xa veteranos sentimos unha certa responsabilidade en axudar a facelos visibles.

GZm – O contacto cos ouvintes do disco, polo menos cos que cofinanciaron o traballo, semella máis íntimo do habitual. Notastes diferenza no feedback con respecto a anteriores discos?

Cempés – Neste momento notamos a través das novas tecnoloxías (Facebook principalmente) o mesmo que igual tardabas antes unha tempada de concertos en notar, que a xente está pendente e que se espera un traballo ou un concerto con ganas e espectación.  Aínda que hai menos concertos nestes tempos que hai 5 anos por exemplo, a xente vai disfrutalos pode que con maior intensidade.

GZm – Fostes habituais dos festivais durante o verán e vides de rematar a xira “De pazos e bares”. Que balance facedes da temporada de concertos?

Cempés – Non nos podemos queixar, a xente ten ganas de música no verán e moitas asociacións seguen a organizar eventos, contaron con nós para unha morea de eles. Ao rematar o ano  ademáis de facer a presentación oficial de TENTEMOZO en Narón con varios dos músicos que participaron no disco tamén quixemos facer unha visita aos seguidores do Sur de Galicia, pois foi unha zona na que non tocamos moito no verán.  

GZm – Nós vímosvos nas Revenidas e no Antrospinos e as dúas veces tocouvos abrir a noite. É complexo isto, por riba facendo folc en cartaces que chaman máis polo público ro rock?

"Aínda que hai menos concertos nestes tempos que hai 5 anos por exemplo, a xente vai disfrutalos pode que con maior intensidade."

Cempés – Alguén ten que comezar...  nestes 20 anos tocounos de todo e comezar un concerto non é máis complicado que tocar despois de “La Bouttine Souriant” por exemplo, ou tocar ás 3 da maña despois de un festival de 5 horas...  Abrir un festival para  a nosa opinión é unha mostra de confianza e un reto como tocar en calquera lugar do programa. Unha gran ventaxa é que estás moito máis desperto e o público tamén. É música con todos os participantes ao 100%.

GZm – Nesta volta, Os Cempés volven con varias mudanzas na formación. Que tal lles foi a Ramón, Pablo e Fernando no seu primeiro ano coma Cempés? Que achegan eles á música do grupo?

Cempés – A harmonía e enerxía das cordas do bouzuki é cousa de Fernando Barroso, unha destreza e bon gusto exquisitos  tocando os Saxos a responsabilidade de Pablo Dalama, e a contundencia e precisión na percusión de Ramón Dopico . Ademáis un placer compartir con eles esta volta, son uns tipos estupendos ademáis de bos músicos. Pensa que nunha mañá e con só 3 chamadas xa tiñamos montada a nova formación.

GZm – Tantas horas de convivencia na banda teñen que dar para moito. Contádenos por favor o mellor momento, -se queredes, tamén o peor-, deste 2012 para Os Cempés.

Cempés – Esta é unha pregunta case imposible de contestar pois os cempés somos personalidades ben diferentes unidas nun proxecto músical de ¡¡20 anos xa!! Nunca esqueceremos chegar a Ortigueira despois de uns 4000 km por España e por Francia e 17 días de Xira no verán de 1996. Esa volta ao país para tocar nun dos máis grandes festivais da península foi memorable. ¿O Peor momento ? Hai algúns momentos malos, por suposto, pero téñense que esquecer para poder continuar.

GZm – Como se presenta o 2013 para vós? Que novos proxectos tedes en mente?

Cempés – Queremos ir renovando o repertorio xa, pois isto de facer un disco e logo levalo ao directo foi unha necesidade que se podemos, evitámola. Preferimos ir facendo un novo directo con temas novos e despois, se é preciso,  grabalos.  Tamén queda por montar un documental sobre a aventura que foi facer TENTEMOZO e presentalo. Estaremos nos festivais, nos bares e nos teatros mentras haxa ganas de pasar un bo rato por parte da xente que ama a música do País. Seña como seña, ainda que acabe o mundo. “Show must go on”

GZm – E xa para rematar, estámoslles a facer a mesma pregunta a todas as persoas coas que falamos para esta Análise do 2012. Dicídenos cales foron para vós os 5 discos do ano na música do país.

Cempés – Vou decir a verdade e non vou mentir nin disimular, non os escoitei todos e non che poido dicir. Así que queda sen responder.

 

{fcomment}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto