Machina, entrevistados en M_

M_ Magazine Cultural Galego segue a incluír a música galega nas súas entrevistas. Desta volta, Montse Dopico fala con Machina, gañadores do Premios Galegos da Música na categoría de metal. En concreto, co seu cantante, Martín, que fala do último EP da banda, 'A Síndrome de Nerón', do proceso creativo da banda e da situación en que vivimos. Arde Roma e apenas vemos como as lapas o devoran todo.



A opresión da cidadanía é “cada vez máis grande e evidente”, nun sistema cada vez máis sustentado no medo e na mentira. Mais, para reaxir, primeiro tería que vir a autocrítica. Iso din Machina.
Os Premios Galegos da Música recoñeceron, na categoría de metal, a traxectoria de Machina. Dez anos de traballo nos que non só a calidade musical, senón tamén a potencia das letras foron gañando cada vez máis. Hai poucos meses sacaron ademais o seu novo E.P., ‘A síndrome de Nerón’. No que volven falarnos de narcotización colectiva, de manipulación e da necesidade de revolverse contra un sistema capitalista cada vez máis delirante. Comezando por un mesmo, pola autocrítica. Falamos con Martín.


M_: Pasou pouco tempo entre ‘Ensaio sobre o silencio’ e ‘A síndrome de Nerón’. Xa cando preparastes o disco anterior tiñades temas para outro?

Machina: Si, pasou pouco, é verdade. Tiñamos intención de gravar un novo traballo. Co anterior, ‘Ensaio sobre o silencio’, non puidemos facer todas as presentacións que queriamos. Foi un ano complicado para todos. Todos estamos traballando e facendo outras cousas que non nos deixaban tempo. Entón volvemos xuntarnos, pero non tiñamos ganas de volver ao disco anterior. Por iso gravamos un E.P., ‘A síndrome de Nerón’.

M_: O de volver ao formato E.P., como cando comezou Machina hai xa dez anos, ten que ver só coa precariedade ou tamén coa tendencia actual das bandas a moverse máis con vídeos, discos con menos temas…?

Machina: Aínda que sexa un E.P., non por iso coidamos menos a calidade do disco. É verdade que un E.P. supón menos gastos e que a cousa é complicada. Ademais, publicámolo só en formato dixital, sen versión física. Pero tamén é o que dis. Agora todo vai moi rápido e o importante é estar aí. Se sacas un disco, podes tardar dous anos en sacar o seguinte, e mentres non hai noticias sobre ti. Por iso agora hai esa tendencia a sacar as cousas pouco a pouco, con vídeos. A nosa idea é sacar os cinco temas do E.P. con cinco vídeos. Xa publicamos dous e temos o terceiro listo. Moita xente está a volver ao single, e é por iso. Ademais, unha banda pequena como a nosa non é noticia se non fai algo novo.

M_: Hai varias bandas galegas que se moven arredor do metal, coma vós, que foron aumentando a carga crítica e a potencia dos seus temas nos últimos anos. Por que?

Machina: Pois iso é algo que nos dixo máis xente, pero non é algo planificado. É unha evolución da banda, sen máis, non é que busquemos facer algo máis potente. Se cadra inflúen os nosos gustos musicais, e por iso quizais nos fomos facendo máis hardcore. Non sei.



M_: ‘A Síndrome de Nerón’ fala de cousas que levades tratado desde o primeiro disco, ‘Post-bravú’. De narcotización colectiva. A imaxe é aquí xente que dá voltas sen saber por que…

Machina: Nerón préndelle lume á cidade e mira como arde e despois bótalle a culpa á xente, que mira como arde todo sen saber que facer. Non sabemos o que pasou, non sabemos o que fixeron con nós. Parece que non nos decatamos de que o que chaman crise é unha estafa. E moita xente que tivo a culpa volvería facer o mesmo se fose hoxe. Non entendemos que a especulación, o consumismo… foron a causa. Hai unha falta de crítica, e de autocrítica. Non son só os banqueiros e os políticos. Todo o mundo tería que facer autocrítica. Se a facemos, se cadra nos decatamos de que o sistema capitalista non é o axeitado.

M_: ‘Acción-reacción’ parece ter que ver con iso. Que camiño escollemos. Ou facer algo ou apandar.

Machina: En realidade os temas pretenden ser moi abertos, para que sexan interpretables. Pero neste falamos de que toda acción ten a súa consecuencia. Non podemos escoller o que nos vai vir, pero si podemos tentar achegar algo. O que fagamos vainos vir devolto, como sociedade. Se escollemos a especulación, vamos ter que pagala. Os políticos que non gobernan para o pobo van ter que enfrontarse aos escraches… Porque é mellor que non lles fagas aos demais o que non queres que che fagan a ti. É así de simple.

M_: ’As mazás mordidas’ condúcenos a vidas que non o son. A alienación, existencias centradas na competición constante…

Machina: Porque chega un punto en que nos esquecemos de facer o que nos fai felices. Se cadra quedar cos amigos para comer é mellor que estar todo o día enganchado no Ipad. Esquecemos vivir, no noso día a día.

M_: E ‘Fódase’. Este tema tamén conecta co disco anterior: xa basta. Como en ‘Silencio’ de ‘Ensaio sobre o silencio’.

Machina: É un alegato, un tema moi directo. Pode que o mellor sexa levantar o dedo e dicirlle a quen corresponda que se foda, non me veñas co discurso da austeridade que ti non pos en práctica, non me digas como teño que vivir. É un tema que expresa raiba. E si, conecta co final do disco anterior.

M_: En ‘Odio’ falades, outra vez, de manipulación e mentira. Como en ‘Apandar’, en ‘Desescribir’, en ‘Quen puido que?’…

Machina: ‘Odio’ fala do que acontece. A historia é unha sucesión de mentiras escritas polos gañadores. É como cando te pos a ler historia e te decatas de que parte da historia que che ensinaron de pequeno é mentira. Falamos de mentiras porque están presentes no noso día a día. Vivimos rodeados de mentiras. Temos un presidente máis mentiroso que Pinocho…

M_: En xeral, este disco, como os anteriores, non deixa de ter un sentido de revolverse contra a opresión. Loitar, liberarse, ou polo menos intentalo.

Machina: Porque a opresión é cada vez máis grande e evidente. Antes podías ler un xornal e atopar unha mentira, pero agora é moito máis obvio. Como chamarlle á reforma da lei do aborto lei dos dereitos da muller embarazada. Por iso a idea de ‘Odio’. Xa está ben. Non temos que pedir perdón por protestar, que é o que temos que facer.

M_: Como é o proceso de traballo de Machina?

Machina: As letras fágoas eu. Os dous Ángel e Gonzalo encárganse máis da música. Cada un dálle na casa, e entre todos vamos despois axustando melodías e letras.

M_: Tedes moitos concertos programados? Como foi este último ano?

Machina: Pois temos pechados varios festivais e salas. O ano pasado tocamos pouco. Hai grupos que tocan sempre, e o resto temos épocas mellores e peores. Grupos que están en todos os festivais e grupos que non están en ningún… A xente di que está cada vez máis complicado, pero tamén é verdade que cada vez hai máis festivais pequenos. Se uns desaparecen e outros comezan, non hai tan mala saúde como din. O que si nos falta é máis escena do metal. Festivais de metal hai un ou dous. Despois tamén outros, nos que hai metal pero son máis abertos e hai outras cousas. En salas tamén é complicado.

M_: Hai outro tema do que falades moito desde o principio, que é do efecto paralizante do medo e da comodidade. Hai autocrítica e non só crítica.

Machina: O medo como arma de control é fundamental para o desenvolvemento do sistema capitalista. É a doutrina do shock. Gobernar coa ameaza do conflito exterior: por iso interesa fomentar o conflito en Xibraltar, por exemplo. Rajoy dixo algo así como que necesitabamos unhas Malvinas. Claro que as necesita, pero el, para impoñer o neoliberalismo. Os que nos gobernan queren meternos medo: medo a que nos despidan, medo a todo.

M_: Gañastes os Premios Galegos da Música, na categoría de metal. Que se sente?

Machina: Pois estamos moi contentos, sobre todo porque é un premio que nos dan os propios compañeiros de profesión, os músicos. E é un orgullo. Ademais dunha sorpresa, un recoñecemento a unha traxectoria xa de dez anos. A ver se supón un punto de inflexión para tocar máis e saír máis. En canto a organización, os Premios Galegos da Música demostraron que non temos nada que envexar aos de fóra. A Asociación de Músicos ao Vivo traballou moito. E é verdade que, á semana seguinte, xa estaban chamándonos para concertos. E que tivemos entrevistas en medios que nunca antes nos chamaran.

Fonte: Entrevista realizada por Montse Dopico, publicada no seu blogue o 16 de xaneiro de 2014.

Fotos: Facebook de MaCHiNa

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto