Rock+Poesía, falan os Nao para M_

Nao é sen dúbida unha das bandas galegas máis importantes dos últimos 10 anos. Agora anuncia un novo traballo, Cartas no caderno, para o mes de marzo. Irémosvos pondo ao tanto das novidades deste seu cuarto disco. Entrementres, compartimos a entrevista que Monste Dopico lle fixo a Jasper, cantante do grupo, hai uns meses e que foi publicada en M_ a finais de xaneiro. Nela falan do anterior traballo, Cancións de Amor e Liberdade, publicado hai agora un ano. Fano polo miúdo, debullando un dos mellores discos galegos do 2013, que podes escoitar tamén no interior.


O último disco de Nao, ‘Cancións de amor e liberdade’, non é só unha mostra do camiño andando até agora pola banda, senón da súa evolución cara a unha maior potencia. Unha contundencia, no discurso, que moitos outros grupos, coma eles, foron gañando nos últimos anos. Será porque a estafa da crise fixo máis necesaria que nunca a crítica social. Un tipo de denuncia que, en Nao, deixa sempre espazo para a esperanza. Porque, como din eles, o mundo é noso. Temos moito poder nas nosas mans. Só nos falta atopar a maneira de facelo efectivo. Reproducimos aquí unha conversa con Jasper, realizada hai xa unhas semanas.

M_: Tedes varios vídeos do disco. Que é o máis recente que fixestes?

Jasper:
O máis recente é unha compilación do ‘Castañazo rock’, con imaxes tipo despedida do ano 2013, e de agradecemento polo apoio incondicional que nos deron. Foi un ano moi bo, con moitos concertos. Comezamos en marzo coa presentación do novo disco e despois tocamos en bastantes festivais. Chegou un punto no que tivemos que parar un pouco.

M_: Desde ‘As palabras espidas’, o primeiro disco, fostes gañando contundencia. Tedes conciencia diso?

J:
Si, é algo que nos din moito, que houbo unha evolución. Somos xente de cu inquieto e estivemos buscando o noso propio son. E creo que o conseguimos neste último disco, ‘Cancións de amor e liberdade’. Primeiro fixemos un rock máis metal, despois máis melódico, desterramos o rap… Agora estamos moi satisfeitos co que conseguimos. Antes, aínda que xa tiñamos un estilo particular, é como se nos faltase algo.


M_: Co da contundencia referíame, sobre todo, ás letras. E non sodes a única banda. Parece que o tema da crise-estafa se notou no que contades. Letras máis sociais, políticas…

J: Non temos a verdade absoluta, pero parece claro que o capital quitou a careta. Non sei se nós endurecemos ou non o discurso, pero iso está aí. A crítica social foi sempre unha parte do noso traballo, aínda que non o fixeramos de modo moi directo ás veces. Os nosos discos non terían sentido sen ese discurso de denuncia social. E é certo que, se cadra, está cada vez máis presente. E oxalá houbese máis bandas que o asumisen, e que deixasen de cantar sobre pallasadas.

M_: Un dos últimos vídeos que sacastes foi o de ‘Nova poesía galega II’. Que non ten moito que ver con ‘Nova poesía galega I’…

J: Ese vídeo fíxonolo unha produtora, ZiWA. Xa fixeramos con eles o primeiro vídeo, o de ‘Heroes da resistencia’, que o gravaramos nuns poucos días e quedara moi ben. Este fixémolo con máis tempo e o resultado foi moi bo. O vídeo enriquece o contido do tema. A relación entre eses dous temas que citas é a idea da poesía. Neste disco facemos o que fai Nao, que son cancións de amor e liberdade, precisamente. Dicía Xurxo Souto que nós o que faciamos era rock con poesía. E estamos de acordo: unha poesía urbana, con crítica social… Neste disco o que facemos é dicilo sen complexos nin tabús. ‘Nova poesía galega’ foi ademais un título que utilizou Rosalía de Castro. E eses dous temas teñen un carácter máis poético.

M_: A forza do colectivo, da mobilización social, é o motor de ‘Entre a utopía e a súa lei’.

J: É parte da filosofía da banda. A forza está no colectivo. Unha persoa non pode ser libre se o colectivo non o é. É o mesmo que cando subimos a un escenario e cantan con nós. O público é parte da banda. E esa é a idea que queremos transmitir. O necesario que son os soños e utopías, malia que ás veces teñamos que situarnos entre o prohibido e o legal. Temos que manifestarnos, saír á rúa, protestar…, por moita Lei de Seguridade Cidadá que nos boten.


M_: ‘Lobo’ fala de que non se pode tratar o lobo como se fose un can. Igual que ‘Canceira’ de ‘Coas túas mans’: “fascistas reaccionarios” chaman “terrorista” a quen non se dobrega…  

J: Hai unha viñeta de Castelao que fala dun can raposo que ten que ver con isto. Podes tentar domesticar un lobo como se fose un can, pero vai seguir sendo o que é. E se cadra, neste país, non podemos estar agardando a que só ouveen algúns, pois era mellor que ouveásemos todos. ‘Canceira’ ten que ver coas campañas da extrema dereita arredor da seguridade: Le Pen, o PP… Do que non parecen decatarse é de que a desigualdade crea a inseguridade, pois políticas lesivas e destrutivas do tecido social crean multitude de pobres aos que non lles queda outra que roubar. Ese é o resultado das políticas neoliberais, como se viu en América latina. E hai que lembrar que, despois do Domingo Sanguento, houbo miles de mozos que se alistaron no IRA. Así funciona. Co PP de Fraga parecía que non había saída, pero agora non é mellor.

M_: ‘Pedagoxía do opresor’ trata un tema moi actual. Un sistema educativo que vai camiño de converterse en clasista, sectario…

J: É un tema que me preocupa bastante. Dicía Paco Rodríguez nunha entrevista que os efectos da LOMCE en Galiza pouco se ían notar, xa que o sistema educativo galego non pode ser máis españolista do que xa é. O que queren é que o sistema educativo sirva para adoutrinar e alienar, que non haxa capacidade crítica, fabricar traballadores submisos para seren explotados. Hai pouco, unha directora dunha escola concertada dicía que o que eles querían era crear verdadeiros apóstolos cristiáns. Está ben que solten a melena e o digan con claridade. Pero é unha vergoña que escolas que segregan por sexos sexan financiadas con diñeiro público. E con isto volve a idea de que temos que mobilizarnos. Temos que asumir as nosas responsabilidades políticas como cidadáns, tamén á hora de votar. Como di unha compañeira miña: a xente quéixase e protesta para disimular que, no fondo, é do PP.


M_: ‘Que dicir’ sitúanos nunha nación sen Estado dentro dun Estado secuestrado polo mercado.

J:
É unha boa definición, si. Este foi un dos primeiros temas que compuxemos para este disco. Nun principio estabamos a falar de Grecia, pero despois acabamos falando do Estado español. A crise é unha estafa. E en lugar de facer como están facendo algúns países de América do Sur, que deciden deixar de pagar a débeda, o que fai o Estado é levarnos ao suicidio. E van seguir e seguir, porque o capital nunca descansa por máis que teña. Xa viñeron pola sanidade, pola educación, polos dereitos sociais…

M_: Polo medio anda ‘Fantaseo’. E despois ‘É triste’, un tema sobre as mentiras do poder, como ‘Mafia’.

J:
‘Fantaseo’ é o tema de amor do disco. Xa que o puxeramos no título, tiña que haber unha polo menos. ‘É triste’ vai sobre a decepción e a mentira. Ás veces da decepción pasamos á depresión, e ese non é o camiño. Hai uns charlatáns, uns falabaratos que nos están a tentar manipular. Os ministerios están cheos ou de descerebrados ou de mentireiros, que non sei que será peor. Os políticos da dereita que se cren tan patriotas venden a súa patria ao capital. O seu egoísmo é nauseabundo. Pero nós temos que ser conscientes de que temos moito poder nas mans, e temos que ser quen de facelo efectivo. ‘Mafia’ é un bonus track do disco. É un retrato ben claro do país e da súa clase política. Fixémolo antes de saberse o de Feijóo e Marcial Dorado, pero o tempo deunos a razón. Cando saen casos de corrupción, a xente comparte ese vídeo en facebook. Cando se fai política por puro interese, o que temos é unha auténtica mafia gobernándonos. Que mira para o seu negocio. Só hai que lembrar as portas xiratorias das eléctricas, por exemplo. Privatizan servizos, que xa lles pagarán cun bo posto de traballo.

M_: E ‘En busca e captura’?

J:
Ese é un tema un pouco punk. O punk supón unha actitude: o cabreo, a raiba… Pouco a pouco van ilegalizándonos a todos, pois chámanlle terrorista a quen protesta. Por iso envían a xente a prisión despois de facer xuízos farsa. Terrorismo é deixar que a xente morra esperando a que a chamen na lista de espera do hospital, ou quitarlle a unha familia a súa vivenda e deixala na rúa…


M_: Hai unha idea moi presente neste disco que xa estaba en ‘Coas túas mans’, en temas como o propio ‘Coas túas mans’, ‘Sempre xira’…, que é que podemos cambiar as cousas.

J:
Si, porque temos que ter fe en nós mesmos. Aínda que sexamos só uns cantos grupos que cantan, ou uns cantos movementos sociais, ou a esquerda ou o nacionalismo… Do outro lado o que está é o Imperio. E nós non estamos en igualdade de condicións. É incrible, por exemplo, que grupos como Invivo, Ruxe-Ruxe ou Machina non saian na TVG. Debe ser que non interesa o que dicimos. Eu toquei en Xenreira e era igual. Só no Xabarín “cubrían o cupo” deixando que entrasen algúns grupos. Pero nada máis. E o que non é de recibo é que haxa uns grupos que estean sempre na radio e na televisión públicas, que lles lamban ben o cu e que nós non poidamos saír nunca. Nós non queremos que nos lamban o cu, pero si ter o espazo que nos corresponde. ‘Coas túas mans’ era un canto á esperanza, e segue a selo. O mundo é noso, podemos cambiar a historia. E cantamos isto desde a esperanza. Nós falamos moito desde o amor, non desde o odio. Contaba Galeano que un pai albanel lle explicaba a un fillo que o mundo o crearan eles, os obreiros. Porque o mundo é de quen o constrúe.

M_: ‘A dentadas’, de ‘Coas túas mans’, incidía nun tema que tamén está en ‘Os medios son a fin’ do novo disco. A manipulación, a inoculación do medo como arma de control…

J:
‘A dentadas’ xurdiu un día que volviamos da manifestación do Día da Patria. Puxemos a radio no coche, e nada do que pasara en Santiago existía para eles. Houbera unha manifestación que ateigara a cidade, pero na radio non falaban dela. E despois van facerlles ofrendas florais a escritores que tiveron que exiliarse por culpa de xente coma eles. A iso chega a súa hipocrisía.

M_: ‘Lingua cortada’, de ‘Coas túas mans’, tamén tiña que ver con iso. A diglosia…

J:
Chegaron a convencernos de que o que falamos está mal falado. A nosa é unha lingua viva, unha lingua propia que ten castelanismos, claro, pero é a nosa lingua e non un dialecto.

Cancións de Amor e liberdade - Nao (2013)

Fonte: Entrevista a Jasper en M_, por Montse Dopico

Fotos: Nao no Castañazo Rock 2013, por Carlos Gende


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto