Arrhythmia estrea videoclip

Semana intensa para Arrhythmia. A banda luguesa ultima o seu novo EP, "II", e preséntanos hoxe, en exclusiva, o seu novo videoclip. Ademais, a fin de semana estarán tocando na casa, na Candeloria, rodeados do mellor do panorama roqueiro galego e estatal. Falamos con eles de todo isto.


Pensamos que foi na Revenidas de hai un par de anos cando este trío de Lugo chamou a atención de moitos. Practicamente descoñecidos na altura, sorprenderon cun directo moi bo, ben traballado e moito rock corréndolles polas cancións. Despois da súa estrea con "III", veñen agora cun novo EP e como adianto presentan tamén novo videoclip.

M_: Presentades novo videoclip, adianto do próximo disco. Contádenos como está a ser a gravación deste traballo.

Arrhythmia:
 
Coa gravación deste E.P pretendimos achegarnos o máximo posible ó son que queremos transmitir e ó directo e a única maneira de facelo creimos que era involucrándonos no 100% no proceso, dende a colocación do primeiro micro ata o master final.

Temos a vantaxe de que Álvaro, o noso batería, é un profesional do sector audiovisual e preferimos desta volta facer gasto en material para a gravación que en achegarnos a un estudio alleo, convertimos o noso local e a súa casa no noso estudio con todas as posibilidades que esto nos trae.

Puidemos achegarnos a gravar cunha total liberdade de expresión, sen cadeas horarias, sen presións, sen medo a reescribir liñas melódicas, voces ou o que nos veu en gaña en cada momento, a experiencia foi diferente, non fomos coas cancións totalmente prediseñadas senón que deixamos que o proceso de rexistro da música fose tamén un proceso creativo, dende cada timbre de son a cada escala.

Sen dúbida, para ben ou para mal o resultado é Arrhythmia.

GZm: Xa tedes data de publicación?

Arr:
Tampouco imos ser tradicionais aquí, imos prescindir do formato físico e das ataduras que éste conleva, se ben é certo que ten certo valor case romántico pensamos que hai máis motivos para non usalo.

Queremos que no E.P non existan cancións de recheo e queremos darlle un espazo a cada canción, a xente prácticamente xa non escoita discos compretos do tirón, as novas formas de consumir música pasan moito máis polo “click” selectivo de cancións, as listas, os videos…

O novo E.P, “II” vai ter 5 cancións, e pretendemos darlles a cada unha o seu momento e podelas ir ceibando pouco a pouco, sempre que se poda misturadas con imaxes, a carencia de formato físico libéranos desa necesidade de sacar todo xunto, de datas… e incluso, quen sabe se nos remata por prestar quen en vez das 5 gravadas se poidan unir novas creacións, todo redunda na idea da absoluta liberdade que nos da non ter cadeas.

Reunimos as cancións baixo un mesmo E.P porque son o resumo da época que pasou entre a presentación do “III” ata que sintamos que “II” remata, entón pensaremos en pechar a triloxía.


GZm: Polo de agora só publicastes "III", hai un par de anos. Vai haber moitos cambios no son de Arrhythmia no novo disco ou mantedes a liña?

Arr: 
“III” foi a primeira toma de contacto de nós os tres, máis que un cambio hai unha evolución, imos tirar de tópicos e dicir que son creacións máis maduras.

Agora xa nos coñecemos moi ben e sabemos como queremos soar e o que queremos dicir, no anterior traballo estabamos un pouquiño na búsqueda de nós mesmos, estos dous anos de esceario e ensaio serviron para atopar o noso espazo, pensamos que para calquera que nos vise en directo bastarán un par de acordes das novas cancións para saber que é Arrhythmia.



GZm: Nuns días tocades na Candeloria. Imaxinamos que presta moito con grandes bandas galegas e estatais e por riba na casa, non?

Arr: 
Presta reencontrarse con colegas como os Ruxe, con parte das mellores bandas do país e con referencias a nivel estatal do rock e imaxínate poder presentar as novas cancións en semellante panorama, é un reto e unha responsabilidade que nos apetece como nunca.

Hai que destacar o traballo feito polos rapaces da Candeloria, alguén cando ve un Festival destas características pode chegar a pensar en promotoras ou grandes empresas detrás do proxecto, aquí hai algo moito máis importante: ilusión, gañas, amor pola música galega e un punto de tolemia necesaria.

Racharon a cachola con bandas, managers, sponsors, institucións… levan moito tempo con esto, dende que fixeramos con eles un bolo na Capitol en Compostela para recadar fondos, e só polo seu esforzo vai pagar a pena, aparte de que estamos convencidísimos de que vai ser a festaza que merece e que estará máis cedo que tarde, se non o está xa, entre os festivais de referencia.

GZm: Como vedes o panorama musical na cidade de Lugo?

Arr: 
Aquí podemos respostar dende dous puntos de vista:

Dende a perspectiva estrictamente musical existen bandas de moita calidade e diferentes estilos que pensamos que non estan a ter a repercusión merecida por falta de plataformas ou dun movemento conxunto de bandas e público como o que se pode ver últimamente na cidade de Pontevedra, aquí non deixamos de ser o veciño do 5º que berralla nun grupo de kinkis, síndrome do código postal lle chaman, nós mesmos nos sentimos moito máis dentro dun movemento conxunto con bandas e público doutros puntos que da nosa propia cidade, por sorte contamos cun reducto de resistencia chamado “Clavicémbalo” e de asocacións que estan por cambiar as cousas como “Lugo Rock” ou a propia “Candeloria”.

Agora ben, cada un debemos asumir a nosa responsabilidade e aquí ven a outra perspectiva, a institucional. Dende a Área de Cultura da Diputación vese certa frescura de ideas e intencións, festivais como o “Ei! Carballeira”, “Festival de noso”, “Cultura Aberta”… son dignos de agradecer nunha cidade que leva en séculos escuros musicais máis do debido, algo en radical oposición ó que ocorre dende o Concello, dende alí parece que basta con encher o cupo de bandas locais no San Froilán tocando en calquera esquina solapando con calquera banda internacional e punto, o resto do ano nin  nós existimos para eles nin eles para nós, supoñemos que usarán os cartos en cousas máis importantes.

GZm: Nos últimos dous anos témosvos atopado en diversos escenarios pero tamén, e moitas veces, entre o público de festis e concertos. Gústavos moito a música ao vivo?


Arr: 
Gústanos e é case un deber, ver, viaxar e absorver o máximo posible de todas as bandas que se achegan, non é moi dificil vernos de festival ou polas mellores salas tomando nota, é a nosa paixón tamén como público, de feito a ver como facemos para tocar na Candeloria porque van ir como uns 8 concertos antes que nós, vai estar compricado reservarse.



GZm: ‘E xa para rematar contádenos algo sobre vindeiros concertos, etc. Onde vai poder a xente ver Arrhythmia?

Arr: 
Estamos pola de poucos e ben antes que moitos e mal, queremos coidar o son e seleccionar moi ben os destinos,  que quen pague unha entrada por vernos poida disfrutar dun concerto en boas condicións, estamos comezando a traballar en eso, temos unhas cantas propostas e moitas gañas de sair a botarnos por fora.

Esperamos que nos atopemos este verán en moitos festis de novo, como público e como protagonistas.

Aquí vos queda o novo videoclip da banda:

FOTOS: Ada Seoane e Miguel Grandío

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto