Uxía Senlle: “É emocionante estar aquí en Bos Aires e visitar lugares nos que tamén se construíu a nosa cultura”

Hai agora un mes, Uxía e Narf levaron até A Arxentina as súas Baladas da Galiza Imaxinaria. Corrientes, Formosa e Bos Aires acolleron diversos concertos da dupla de músicos galegos. Cecilia Martínez estivo no derradeiro concerto da xira, en La Bilioteca Café o 4 de febreiro. Envíanos desde Bos Aires a crónica do concerto e unha entrevista con Uxía, realizada ao remate da actuación. Viaxe transatlántica de ida e volta, sempre polos vieiros da Galiza Imaxinaria.  

Uxía viste de negro e leva un diadema dourado na fronte que enche de luz a pequena sala da Biblioteca Café, que Narf comeza a encher tamén cos sons da súa guitarra. Este pequeno local situado en pleno centro de Bos Aires, na Arxentina, é un espazo no que os shows se converten en encontros íntimos, dialogantes co público. Este é o escenario do concerto que o dúo galego integrado pola cantante Uxía Senlle e o músico e compositor Fran Pérez, Narf, ofreceron na noite do pasado 4 de febreiro na cidade do Río da Prata. A maxia xurdiu nesta presentación que a dupla fixo no centro porteño do disco Baladas da Galiza Imaxinaria, traballo que naceu da primeira xira xuntos de Uxía e Narf por América Latina no 2014. O cedé inclúe temas clásicos do seu repertorio e tamén novas creacións, acompañados de sons doutras culturas que os músicos fan seus. Trátase dunha “viaxe por este espazo inacabado, un espazo emocional que vai alén do puramente xeográfico, que latexa vivo e fértil, no interior de moitas almas espalladas por todo o mundo… Persoas que non necesariamente beben das mesmas fontes culturais, pero amantes do noso, sen máis. Habitantes da Galiza imaxinaria”. En Bos Aires, na sala, agardan moitas destas almas o inicio do concerto, que Narf abre con estas verbas: “Sentimos aquí os nosos irmáns”. E comeza a música, nin máis nin menos, que cunha referencia a Castelao, o pai do nacionalismo galego que, setenta anos atrás, obrigado polo exilio na Guerra Civil, frecuentaba exactamente as mesmas cuadras (tramos de 100 metros na distribución urbana de Bos Aires) nas que nestes días teñen postos os pés os músicos galegos. Uxía e Narf cantan Sempre en Galiza, primeiro tema do disco, no que fan un percorrido musical e emotivo pola “fresca sombra das carballeiras de Lalín, as piñeiras da beiramar de Noia, os arumes mariñeiros de Bueu, os salseiros de Corrubedo e a frescura do mar de Rianxo…”. Os sons comezan a espertar o público, que rodea os músicos desde as pequenas mesas do salón mentres apura os últimos pratos de tortilla, ‘picadas’ e outros manxares nos que tamén as cociñas de ambos os dous lados do Atrántico se mesturan. Non falta o viño e os pés comezan cos movementos suaves no chan de madeira para acompañar o ritmo das letras. A Biblioteca Café, como o seu nome indica, é un espazo para a lectura, e centenares de libros serven de pano de fondo para Narf e Uxía na súa actuación. A festa é agora para os ouvidos. Sucédense, uns tras outros, os temas do disco: Bos Amores, Santiago, Quimera, Xa asoma a primavera, Onda Soante e outros, e hai máis de media ducia de invitados entre o público aos que os protagonistas do show chaman intermitentemente para acompañalos en temas convertidos en chacareras e chamamés, con aturuxos, pandeiretas e rasgueos nos que non quedan dúbidas de que Narf está na guitarra. Por un momento, a voz de Uxía confúndese coa da Negra Sosa, cando canta, xunto a unha das invitadas, o tema ‘María Va’. Evoca, tamén, a cantante galega a memoria da poeta María Elena Walsh e segue cantando, ‘Como la cigarra’, mentres o público, entre o que se adiviñan varios galegos e fillos e netos de emigrados (vestixios viventes daquela diáspora), goza. En Cántiga do Neno da Tenda, os músicos recordan a Federico García Lorca, outra das voces que a ditadura quiso, sen éxito, apagar… “Bos Aires ten unha gaita, sobre do Río da Prata, que a toca o vento do Norde, coa súa gris boca mollada”, di o tema ao comenzo. Soan verbas de Curros Enríquez e de Rosalía. E Uxía pon a súa voz a outras de seu tocaio Novoneyra: “Galicia, non te puderon calar e ben que o teimaron. Se non cantas polo erguido, asubías polo baixo. Labregos e mariñeiros, obreiros de pan en pano, que cando tiveron que irse, con eles, te levaron”. Narf tamén fala co público e recorda, antes de empezar coa súa Nana de Zemambiquo, que sempre é posible mudar as cousas, “aínda facendo pequenos cambios”. Ao rematar o concerto, mentres el saúda os presentes na sala, Uxía fala para GZ Música.


GZm - Como a recibiu esta terra? .

Uxía - 
En Bos Aires, síntome como na casa. Teño moitos amigos aquí, a miña familia. Síntome como tantos outros galegos que viñeron e os recibiron cos brazos abertos. Sempre temos unha experiencia moi bonita co público de aquí, polo cariño e polo respeto. E sempre é un pracer volver. Tiñamos unha axenda e unha xira moi longas, iremos aos Estados Unidos, dende Los Anxeles a Nova Iork, dun mes e medio case, pero viñemos aquí porque nos invitaron ao Festival de Chamamé de Corrientes. E aproveitamos para facer o disco este pendente que tiñamos para facer coa xente de Formosa e alí estamos cun proxecto que é inacabado, pero que pretende ser un aporte entre Galiza e Arxentina, incluso cos lugares máis periféricos deste país. Agora, a intención é seguir presentando este disco e lévalo por alí adiante. É un disco con vocación viaxeira. Narf e mais eu facemos un encontro musical curioso e aos dous nos une esa alma aventureira e experimentadora na música, e por iso estamos felices.


GZm - Como se sente unha galega, que vén dunha terra tan tranquila na súa paisaxe, nun contorno tan caótico como o de Bos Aires? 

Uxía - 
É unha cidade caótica, pero culturalmente moi interesante. Estivemos no Café Vinilo en Palermo, foi precioso, con tanta xente amiga, e notar que esta cidade realmente sempre provoca este tipo de encontros, a nós nos alimenta moito musicalmente e, ao mesmo tempo, nos alenta ver as caras da xente que te escoita, da comunidade galega aquí, e sintes que hai una empatía moi especial. Aquí sentimos o público cunha acollida moi aberta.


GZm - Como foi o show, hai uns días, con La Bomba del Tiempo? 

Uxía - 
Xenial, La Bomba del Tiempo é unha auténtica festa, unha festa do ritmo, da improvisación, da mestizaxe tamén, porque non hai ensaios. Foi unha locura, saímos dalí felices. Nós enviámoslle os temas e veron que eran adecuados, e foi precioso, a verdade, e moi divertido.

GZm - Que opina do traballo que se fai na terra, como o do portal GZ Música e da xente que adica o seu tempo para difundir a música de Galiza polo mundo? 

Uxía - 
Hai xente maravillosa que fai unha labor extraordinario de divulgar a nosa música. Creo moito nas novas xeracións, que fan un traballo moi importante, e é bastante sorprendente e bo reforzar a nosa identidade, e facer que iso vaia pasando de fillos a netos. O concepto que nos manexamos de Galiza imaxinaria é un pouco iso, calquera que ame a cultura galega ou que teña curiosidade por coñecer a súa riqueza cultural, está nesa Galiza imaxinaria, esa Galiza que está no corazón dos que queren esta terra.

GZm - Moi cerquiña de aquí, xuntábase, nos anos 40, o propio Castelao co resto dos intelectuais galegos que tiveron que emigrar pola represión franquista. Xuntábanse en sitios como o Café Tortoni, para falar e construir, dende a distancia, o país que soñaban. Como vivides agora vostedes estar nestes lares? 

Uxía - 
Imaxínate… Como se puido ver, hoxe comezamos o concerto cun texto de Castelao, que nos emociona moito. Unha parte importantísima da nosa identidade foi construída aquí e hai que reflexionar moito sobre iso. Eles puderon facer aquí cousas que alí non se podían, publicar, había emisoras de radio e podían defender o falar a súa lingua aquí. O Tortoni o visiteu e emocionoume moitísimo entrar alí, porque Castelao estivo alí e toda esa xeración que cambiaron a revolucionaron este mundo.

GZm- Nestes días de Entroido en Galiza, non sente certa pena por perderse a festa?

Uxía - É a única mágoa que teño neste momento, porque eu son moi entroideira. E iso aquí non che é o mesmo. Eu quería ir alá, o Entroido de Hío, que é precioso. É do máis auténtico que coñezo. Eu o coñecín por un amigo meu, Stefan, o belga, que me levou hai uns anos e, aínda que choveu moitísimo, pasámolo en grande.

{fcomments}  




Uxía viste de negro e leva un diadema dourada na fronte que enche de luz a pequena sala da Biblioteca Café, que Narf comeza a encher tamén cos sons da súa guitarra. Este pequeno local situado en pleno centro de Bos Aires, na Arxentina, é un espazo no que os shows se converten en encontros íntimos, dialogantes co público. Este é o escenario do concerto que o dúo galego integrado pola cantante Uxía Senlle e o músico e compositor Fran Pérez, Narf, ofreceron na noite do pasado 4 de febreiro na cidade do Río da Prata. A maxia xurdiu nesta presentación que a dupla fixo no centro porteño do disco Baladas da Galiza Imaxinaria, traballo que naceu da primeira xira xuntos de Uxía e Narf por América Latina no 2014. O cedé inclúe temas clásicos do seu repertorio e tamén novas creacións, acompañados de sons doutras culturas que os músicos fan seus. Trátase dunha “viaxe por este espazo inacabado, un espazo emocional que vai alén do puramente xeográfico, que latexa vivo e fértil, no interior de moitas almas espalladas por todo o mundo… Persoas que non necesariamente beben das mesmas fontes culturais, pero amantes do noso, sen máis. Habitantes da Galiza imaxinaria”. En Bos Aires, na sala, agardan moitas destas almas o inicio do concerto, que Narf abre con estas verbas: “Sentimos aquí os nosos irmáns”. E comeza a música, nin máis nin menos, que cunha referencia a Castelao, o pai do nacionalismo galego que, setenta anos atrás, obrigado polo exilio na Guerra Civil, frecuentaba exactamente as mesmas cuadras (tramos de 100 metros na distribución urbana de Bos Aires) nas que nestes días teñen postos os pés os músicos galegos. Uxía e Narf cantan Sempre en Galiza, primeiro tema do disco, no que fan un percorrido musical e emotivo pola “fresca sombra das carballeiras de Lalín, as piñeiras da beiramar de Noia, os arumes mariñeiros de Bueu, os salseiros de Corrubedo e a frescura do mar de Rianxo…”. Os sons comezan a espertar o público, que rodea os músicos desde as pequenas mesas do salón mentres apura os últimos pratos de tortilla, ‘picadas’ e outros manxares nos que tamén as cociñas de ambos os dous lados do Atrántico se mesturan. Non falta o viño e os pés comezan cos movementos suaves no chan de madeira para acompañar o ritmo das letras. A Biblioteca Café, como o seu nome indica, é un espazo para a lectura, e centenares de libros serven de pano de fondo para Narf e Uxía na súa actuación. A festa é agora para os ouvidos. Sucédense, uns tras outros, os temas do disco: Bos Amores, Santiago, Quimera, Xa asoma a primavera, Onda Soante e outros, e hai máis de media ducia de invitados entre o público aos que os protagonistas do show chaman intermitentemente para acompañalos en temas convertidos en chacareras e chamamés, con aturuxos, pandeiretas e rasgueos nos que non quedan dúbidas de que Narf está na guitarra.

Por un momento, a voz de Uxía confúndese coa da Negra Sosa, cando canta, xunto a unha das invitadas, o tema ‘María Va’. Evoca, tamén, a cantante galega a memoria da poeta María Elena Walsh e segue cantando, ‘Como la cigarra’, mentres o público, entre o que se adiviñan varios galegos e fillos e netos de emigrados (vestixios viventes daquela diáspora), goza. En Cántiga do Neno da Tenda, os músicos recordan a Federico García Lorca, outra das voces que a ditadura quiso, sen éxito, apagar… “Bos Aires ten unha gaita, sobre do Río da Prata, que a toca o vento do Norde, coa súa gris boca mollada”, di o tema ao comenzo. Soan verbas de Curros Enríquez e de Rosalía. E Uxía pon a súa voz a outras de seu tocaio Novoneyra: “Galicia, non te puderon calar e ben que o teimaron. Se non cantas polo erguido, asubías polo baixo. Labregos e mariñeiros, obreiros de pan en pano, que cando tiveron que irse, con eles, te levaron”. Narf tamén fala co público e recorda, antes de empezar coa súa Nana de Zemambiquo, que sempre é posible mudar as cousas, “aínda facendo pequenos cambios”. Ao rematar o concerto, mentres el saúda os presentes na sala, Uxía fala para GZ Música.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto