O Manual de Sedución chega ás cidades

O último disco de Marful achégase ás cidades do sur do país. Ourense e Vigo acollerán hoxe xoves e mañá venres a presentación do Manual de Sedución,  disco editado no outono de 2010, coa banda ao completo, -sexteto-. E fano despois de ter tocado nestes dous anos nos mellores auditorios de Galiza. E tamén de Portugal, até o punto de ser a primeira banda galega en tocar na Casa da Música do Porto. 

Ler máis...

2uS presenta esta noite o seu segundo disco nun concerto nas Crechas

O dúo 2uS, música instrumental, presenta hoxe martes 13 ás 21.30h o seu segundo traballo, "Dous", que xa foi aclamado pola crítica do país. A hora da actuación adiantouse unha hora por mor da folga xeral convocada para mañá mércores. O dúo estará acompañado polo contrabaixista Pablo Pérez.


Ler máis...

Os Podridos en Tourilandia

Tourilandia segue a apostar pola música galega ao vivo nos seus contidos. Desta volta, Os Podridos de Beade tocando a regho cheo, tema que lle dá nome ao último traballo dos de Beade, publicado en 2011. A banda, que deu o seu primeiro concerto en 1993, reactivouse nos últimos anos coa publicación do seu segundo disco e volveu aparecer nos cartaces de varios festivais este verán.

I Encontro de violino Popular

A Pobra de Trives acollerá a fin de semana do 9,10 e 11 de novembro o I Encontro de violino popular, un programa de actividades varias ao redor deste instrumento e a súa versión máis popular: divulgación, práctica, convivio, concertos, conferencia,... Talabarte, Pancho Álvarez e Comisa Bal serán os encargados de concertos e sesións didácticas que comezarán o venres 9 de novembro ás 20:30h na Casa da Cultura da capital da Terra de Trives

Ler máis...

Sabes beillar? Pois demóstrao no "Luar"

Es dos que escoitan unha gaita e xa lle bolen os pés? Es das que marcas o punto con mestría? Pois agora volves ter a ocasión de demostrar que es unha ou un bailarín de altura. Só tes que atopar unha parella e apuntarte a "Punta Tacón". Na web da Asociación de Gaiteiros Galegos enterámonos do novo concurso de baile do Luar da TVG. Aquí tes toda a información para demostrares ao mundo o que sabes facer.


Ler máis...

Fasero abandona AGADIC para dirixir a sección Noroeste da SGAE

Juan Carlos Fdez Fasero deixa a AGADIC para se incorporar ao proceso de "socialización" e mellora de imaxe que a Sociedade Xeral de Autores vén desenvolvendo desde que Antón Reixa foi elixido presidente. As asociacións do sector valoran o paso de Fasero pola AGADIC recoñecendo de xeito xeral o seu labor de interlocutor pero insatisfeitos pola total falta de apoio da Xunta ás industrias culturais.

Ler máis...

Campos de Meiz, novo videoclip de Bacotexo

O Eo-Navia ferve. Para alén da presentación de Haiga, segundo traballo dos Folkgazais, -en Ribadeo esta fin de semana-, hai apenas 10 días Bacotexo apresentaba o seu segundo videoclip, Campos de Meiz, un dos temas de Homes Invisibles, (Boomerang Discos, 2011), o seu segundo disco. A banda da Caridá chegou a estar nominada no Premio al meyor cantar 2012 con este tema que é unha mostra do seu rock&roll cantado en galego de Asturias. De feito, o seu début, A máquina del tempo (Boomerang Discos, 2008), está considerado o primeiro disco de rock feito na fala, co permiso das maquetas gravadas hai anos polos Hermaos del Herba Seca.

Zuloak preséntase en Ourense

O músico vasco Fermín Muguruza e as integrantes de Zuloak hanse desprazar esta fin de semana até Ourense para presentar o documental que o irundarra gravou sobre a formación da banda e as súas primeiras actuacións. De paso, a fita serve para lle botar unha ollada á escena underground euskaldún. O filme proxectarase a sexta feira e sábado terá lugar o concerto de Zuloak e de Asthmatic Lyon Sound System.



Ler máis...

Os Folkgazais presentan Haiga

Os Folkgazais motorízanse. E a banda eonaviega tiña que escoller por forza un vehículo dos anos 40. Da escolla enterámonos no blog de Quique de Roxíos, que entrevista ao Abel Pérez, acordeonista dos Folkgazais, co gallo da presentación en sociedade de Haiga, o segundo disco do grupo da Veiga. A presentación será desta beira da ría, no Café-Teatro de Ribadeo a vindeira fin de semana. Venres 26 só para as persoas que colaboraron no crowfounding que posibilitou Haiga e sábado 27 aberto ao público. Na web dos Folkgazais podedes descargar Ouro non, adianto do disco.

Galiza mais perto, unha xanela galega na radio do Minho

Vimos de coñecer unha outra iniciativa de difusión da música galega. Trátase de Galiza mais perto, un programa da Rádio Universitaria do Minho que todas as quintas feiras lle abre unha xanela á nosa música na radio da outra beira do Miño. Emítese en Braga pero podes escoitalo on-line. E se tes un grupo lembra que desde o Galiza mais perto fan un chamamento ás bandas do país para participaren no programa.

Ler máis...

Máis artigos...

Páxina 21 de 25

<< Inicio < Anterior 21 22 23 24 25 Seguinte > Final >>

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto