Mercedes Peón publicará novo disco o 27 de abril

Mercedes Peón anuncia a data de presentación do seu quinto traballo, Déixaas, que verá a luz definitivamente o 27 de abril. Esta sexta feira, 6 de abril, hase estrear Plataforma, a xeito de single, canción que nos permitirá albiscar cara a onde se moveu o universo sonoro de Peón. Acompañada de banda, na que están Ana García e Mónica de Nut, fará presentacións no país deste seu quinto disco, do que xa deixou petiscos nalgúns concertos en festivais europeos do pasado verán.

Estivemos a falar con Mercedes Peón no FestiVal das Brétemas, no outono pasado, e daquela auguraba que contra marzo estaría publicado o seu quinto disco. Finalmente será en abril, cando poidamos escoitar os novos temas de Peón. E, de paso, coñecermos a historia atrás do nome do disco, Déixaas, que sen posuír a sonoridade de anteriores títulos, Isué, Aghrú, agocha de certo algunha mensaxe. 

Déixaas é o quinto disco de estudo de Mercedes Peón e publicarase o vindeiro 27 de abril. Sen abandonar as raíces da tradición que a teñen convertido nunha artista recoñecida no panorama da world music internacional, Déixaas incorpora unha faceta moi contemporánea, inspirada en espazos sonoros de nova natureza obtidos a partir dun traballo de campo minucioso con sons reais de máquinas pesadas en gravacións feitas en estaleiros navais (como no caso do tema "Plataforma" que se vai estrear este venres 6 de abril).

Segundo nos confirmou na entrevista que lle fixeramos en Ponteareas, algunhas das cancións do novo disco xa foran interpretadas ao vivo nalgún dos moitos festivais europeos onde Mercedes Peón ten levado a nosa música. Mergullándonos na rede atopamos este vídeo de Xavier Belho cun par de temas novos, interpretados no festival de Sines, en Portugal, acompañada de Ana García e Mónica de Nut. Sen estarmos certas de se está é a versión definitiva do novo proxecto de Peón, o certo é que a cousa presta.

IMAXE: Henryk Kotowski - Obra propia, CC BY-SA 3.0, Ligazón

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto