Tanxugueiras presenta o seu primeiro disco na Capitol o 3 de xuño

Tanxugueiras son Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. Descubrímolas -as que estamos fóra dos circuítos trad e folkie- a raíz dun vídeo caseiro dos cameríns do Celtic Connections de Glasgow que moi logo se fixo viral, onde coa compaña percutiva dunha simple mesa sorprenderon a centos de milleiros de usuarias das redes. Porén, estas pandereteiras, naturais de Luou e Aguiño son moitísimo máis ca un vídeo viral das redes como van deixar ben claro o vindeiro día 3 de xuño en Compostela.

É sen dúbida uns dos acontecementos musicais máis esperados do ano dentro do panorama folk e tradicional. As entradas xa están á venda en Ticketea e o propio día do concerto poderán mercarse na billeteira da sala.

Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e das músicas de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dáse un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comunión musical xorden desde o primeiro minuto e fan que revolucionen o panorama musical galego en tempo récord.

Vídeo promocional do disco

Despois de percorrer todos os palcos do país e algún internacional (Celtic Connections Glasgow), despois de poñer música a actos e encontros musicais diversos, aparecer en programas de TV como Luar, Alalá, … deciden gravar a súa ópera prima apuntando moi alto. Rodeadas de músicos moi notables dentro do panorama das musicas de raíz como Pablo Martín Jones (Coetus, Eliseo Parra, Drexler,..) ou Jaime Muñoz (La Musgaña) e cunha dirección artística do productor musical Pedro Pascual (produtor en Laio, Marful, Najla Shami, Davide Salvado, Guadi Galego, Talabarte, Pesdelán, Descarga ao vivo, …).

Atopámonos ante un repertorio coidadosamente escollido e cun tratamento que conecta a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar. Cancións que parten da pura esencia que mana das fontes da profunda Galiza e que son dotados dun virtuosismo e contundencia sorprendentes. O mundo da pandeireta e o baile está a vivir na Galiza un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer. O que fan Tanxugueiras é achegalo dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. E, sobor de todo, con moito amor.

A banda que as acompaña nos directos, que serán enérxicos e transgresores como nos teñen acostumadas, está formada por músicos de gran traxectoria como Isaac Palacín na percusión (Berrogüetto, Guadi Galego...), José Manuel Díaz Iglesias ao baixo eléctrico e contrabaixo (Uxía, Sindicato da noite...), Cibrán Seixo ao violín e á guitarra (Budiño, Andrés Penabad, Davide Salvado...) e Rubén Fernández ao acordeón (Alvariza).

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto