Nuns días Ezetaerre virán cargados de "Pólvora e tormenta"


“Máis de mil tormentas despois, coa pólvora aínda no ar, seguimos tragando po. O mesmo po que erguemos cando organizamos a tempestade, brotando de cada un dos nosos corpos que bateu contra o chan, esvaecéndose entre os dedos dos puños que golpean o ceo.” Esta é a presentación que a banda galega Ezetaerre fai do seu novo disco. “Pólvora e tormenta (Letras para Woody Mellor)” (New Beats, 2018) que sairá a venda este próximo 16 de Novembro. Formado por Garchu, Pirola e Petrowski, o grupo comezou a súa andaina compartindo loitas e estudos na universidade, chegando a ser en só tres anos un dos grupos revelación do panorama galego.

 Damos por suposto @s seareiros de GZmúsica xa os coñecedes, pois xa os entrevistamos no Festival Revenidas do 2016, pero por se a caso aquí vós deixamos o enlace para que os escoitedes falar a eles mesmos.

Máis desta volta, veñen para presentar disco, o 16 de Novembro atoparédelo á venda. Como vedes cunha presentación cargada de poesía. “Pólvora e tormenta (Letras para Woody Mellor)” trátase dun traballo no que Ezetaerre bota de novo a mirada atrás, poñendo o foco nos Estados Unidos das décadas dos 30 e os 40. Así, atopamos un país asolado polo dust bowl, unha tormenta de po que deixou na miseria a milleiros de familias e que fixo que o pobo reaccionara: segundo medraba a dor e aumentaba a pobreza, tamén se endurecían a rabia e a loita. Mentres tanto, a música plasmaba esa realidade na voz de cantautores antifascistas como Pete Seeger e como Woody Guthrie; posteriormente, Joe Strummer rendería homenaxe a este último, tomando o seu nome como o alias que empregaría durante varios anos: Woody Mellor.


 Na liña que vén sendo habitual en Ezetaerre, temos en Pólvora e tormenta un disco musicalmente moi ecléctico, con ritmos moi diversos que varían en cada tema: dende os sons máis electrónicos aos máis acústicos, pasando polas influencias de xéneros como o ska ou o reggaeton e trasladándonos a lugares como Oklahoma ou Beirut. Ademais, a banda conta para este disco coas colaboracións de artistas da talla de La Pegatina, Arnau Giménez (ZOO), Martin Plan - B, High Paw ou Ginestà. Pero andade ao loro que non tardaremos moito en traervos unha opinión do disco da man dun dos compañeiros GZmusiqueiros. Polo de agora podedes ir abrindo apetito cunha destas colaboracións.

 Deste xeito, Ezetaerre pretende seguir amosando a evolución da que fai gala dende a saída da súa primeira maqueta. Novas letras, novos ritmos e novas ideas; pero sempre baixo a consigna que os caracteriza: dignidade, solidariedade e humildade.

 O disco "Pólvora e tormenta (Letras para Woody Mellor)" como dixemos sae a venda o 16 de novembro. Máis se o que tedes é gana de directo, tedes dúas citas para gózalo ao vivo. O 1 de decembro na sala Karma de Pontevedra e o 7 de decembro presentarano na sala Capitol de Santiago de Compostela.

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto