Novos vídeos, EP para o 2020 e confirmados no Resu. Disque volven os Machina


Hai uns anos que o metal galego quedou coxo co parón dos Machina. O tempo pasaba e unha paraxe motivada polas diferentes circunstancias vitais dos seus compoñentes alongábase até facer temer que o que era temporal acabase por ser definitivo. Porén, en apenas unha semana os de Cerceda apresentan unha arroiada de boas novas, comezando pola súa volta. Estabamos a escribir unha nova sobre o seu novo disco e o "Machina Desenchufados e Amighos", un proxecto en acústico co que quixeron festexar o seu regreso á actividade, cando limos o seu nome -xunto a Acidproyect, Aphonnic, Golpe Radikal ou Skontra- nas novas confirmacións do Resurrection Fest 2020. Xa aproveitamos e contámosvolo todo polo miudo... disque volven os Machina.

Despois dun longo parón tanto nos escenarios como de publicación discográfica, motivado por circunstancias persoais dos seus compoñentes, a banda de Cerceda publicará un novo EP no vindeiro ano 2020. Non sabemos máis nada polo de agora sobre este novo material, cara a onde camiñarán os novos Machina. Namentres agardamos por ese novo material de estudo os de Cerceda preséntannos “Machina Desenchufados e Amighos” un proxecto en acústico nos que Machina se rodea dalgunhas das mellores bandas e artistas do país como Ith, Zënzar, Super 8, Ruxe Ruxe e O Leo i Arremecághona! que é ademais quen dá arranque á publicación destes vídeos desenchufados.

“Machina Desenchufados e Amighos” é o resultado da gravación en directo, o pasado mes de setembro, nos xardíns de Cimática Estudio (Cerceda) baixo a produción musical de Mahi Ferradás e a realización de vídeo de Vanessa Moure, dunha serie de vídeos en directo onde Machina repasa pezas da súa discografía en formato “desenchufado”, acompañados dos artista antes nomeados.Uns vídeos que irán compartindo nas redes nas vindeiras semanas, andade atentas!

E por se todo isto non fosen boas novas dabondo, tan só 5 días despois da publicación dese primeiro video desenchufado co Leo o nome da banda de Cerceda aparecía entre as máis de 70 novas confirmacións do Resurrection Fest 2020. Nesta nova listaxe apresentada hoxe, encabezada por lendas do death metal escandinavo como Amon Amarth ou Opeth -que se una as bandas xa confirmadas como System of a Down, KoRn ou Judas Priest- cóanse varias formacións do país. Aphonnic, venres no Ritual Stage, Acidproyect, sábado no Desert Stasge, Golpe Radikal, sábado no Chaos Stage e os Machina, que estarán venres, tamén no Chaos Stage. 




Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto