Arrythmia escolle o Verkami para I, o seu terceiro disco


A banda lucense escolle a fórmula do micromecenado para o seu terceiro disco, que verá a luz na primavera do vindeiro ano. Despois de III e II chega, non quedaba outra, I. Primeiro traballo en cuarteto tras a entrada de Miguel Duarte na banda. En apenas 4 días xa están por volta do 40% do seu obxectivo que culminará coa presentación oficial de I o 24 de abril de 2020 na Sala Malatesta de Compostela.

I será o terceiro traballo da banda; despois de xa 7 anos medrando no panorama galego queren agora voltar entrar no estudio para  amosar as cancións que estiveron a facer nos últimos tempos. Xa desde o verán Miguel Duarte entrou a formar parte de Arrythmia e agora teremos a ocasión de ver de vez que lle vai achegar esta segunda guitarra á banda.

Desde logo, ao deixar de recaer en Alberto Busto todo o peso da guitarra e a voz nos temas as alternativas á hora de compor e facer arranxos amplíanse. O que semella que non vai mudar é a escolla do metal, pero tamén do rap, o rock e a electrónica para servir de base onde sementar as súas ideas. Podedes ver por onde van os tiros co sinxelo xa publicado, "Voltarán".

O obxectivo do Verkami é recadar 4500€ para mellorar os equipos de gravación e poder contar cos profesionais máis cualificados para traballar nun proceso que será autoeditado a nivel audiovisual, como vén sendo habitual en todo o material de Arrythmia.

E como acontece decote nestas plataformas de micromecenado, os agasallos van desde o disco até un concerto da banda. Entra, bótalle unha ollada ás recompensas e colabora se podes coa música do país!!




Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto