Grilo ponlle lume este venres á Capitol



Os composteláns Grilo apresentarán o seu primeiro disco esta sexta feira, 31 de xaneiro, na Sala Capitol, acompañados de Pauliña. O contundente trío creado no 18 en Compostela gravou a finais do ano pasado Dálle lume nos Estudios Mafia do Carballiño, 9 composicións cunha produción moi apegada ao son ao vivo da banda. Entre elas, Xandre, que pon música á derradeira carta escrita por Alexandre Bóveda antes de ser asasinado polos fascistas. Pégalle unha escoita ao disco para aprenderes os temas para o concerto de mañá!

O grupo de rock compostelán Grilo, formado por Adrián (voz e guitarra), Alberte (baixo e coros) e Miguel (batería), presenta este venres, 31 de xaneiro, o seu primeiro disco, Dálle lume na Sala Capitol acompañado por Pauliña.

Con potentes letras en galego e son contundente, Grilo créase no 2018 na cidade de Compostela. En novembro dese mesmo ano publicaron Criminal, o seu primeiro sinxelo, un trallazo de rock duro que deixa ver as influencias nas que se move o grupo. Rebelión, segundo asalto sonoro dos composteláns, foi publicado en febreiro de 2019 e permitiu á banda posicionarse no xerme da nova escena musical galega. 


DÁLLE LUME

Dálle Lume é o primeiro disco da banda galega de rock Grilo. Nel pódese atopar un conxunto de 9 composicións propias que contan cunha produción moi fiel ao que supón ver en directo ao grupo. Rock potente, pesado e directo con letras na lingua propia, esa é a mellor definición da nova aposta dende Galiza polo rock e o metal.

Gravación: todos os temas foron gravados, mesturados e masterizados nos Estudios Mafia do Carballiño por Óscar Fernández (Chichi) en outubro de 2019, agás Criminal que foi gravado no mesmo estudio en novembro do 2018 e Rebelión, que foi gravado en xaneiro do 2019 nos Estudios Pousada Son. O
deseño gráfico e a maquetación foron de Breogán Alamancos.


Concerto na Capitol

A formación ofrecerá un directo do máis sorprendente con acontecementos totalmente inesperados a quen decida acudir á cita na Sala Capitol. A apertura de portas será ás 21h para que a música comece ás 21:30h da man de Pauliña. Deseguido poderemos gozar da nova proposta deste grupo que comeza a dar moito que falar no panorama do rock galego.

As entradas anticipadas están dispoñibles en Eventbrite e a Reixa Tenda e, o propio día do concerto, poderán adquirirse na billeteira da sala.


Música para a derradeira carta de Bóveda

A canción “Xandre”, incluída en Dálle Lume, é “unha das cancións máis especiais do disco, posto que nos achega a unha figura que forma parte da Historia do noso país na loita pola democracia e a liberdade dunha forma moi próxima. Esta carta móstranos o que o terror franquista fixo hai menos de cen anos, tronzando vidas e desfacendo familias por ter ideais diferentes”, apuntan desde Grilo.

O pasado 15 de xaneiro tivo lugar un encontro dos integrantes do grupo de rock galego Grilo con Valentín García Bóveda e Amalia Bóveda -representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da familia Bóveda - co obxectivo de facerlles chegar aos organismos que representan a canción editada pola formación compostelá que pon música á última carta escrita por Alexandre Bóveda. No encontro, Adrián, Alberte e Miguel, membros do grupo, fixéronlles entrega a Valentín e Amalia, neto e filla de Bóveda, dunha lámina conmemorativa coa letra completa da canción, así coma de convites para o concerto de presentación e discos en formato físico. Estes mostráronse agradecidos por que se sigan a realizar iniciativas ao redor da figura de Alexandre Bóveda, para manter vivo por sempre o seu legado.




Escoita o disco dos Grilo!


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto