Ruxe Ruxe e Monoulious Dop presentan disco esta fin de semana en Compostela


Hoxe, sexta feira 14, Ruxe e mañá, sábado 15, Monoulious Dop levarán até a sala Capitol os seus discos novos. 'O estraño falar dun monstro da aldea', no caso dos de Aríns e 'Black Álbum', o traballo dos de Noia, 2 discos ben diferentes dos que che falamos neste artigo. E lembra, claro, que non tes que escoller. Podes perfectamente facer dobrete e gozar dunha finde óptima.

Ruxe Ruxe presenta hoxe venres a partir das 22:00h -apertura de portas ás 21:15h, prezo 10€ adiantada, 13€ na billeteira- o seu undécimo disco, 'O estraño falar dun monstro da aldea'. O traballo foi gravado a finais do ano pasado en Gárate Estudios, en Andoain (EH), da man de Kaki Arkarazo. A banda saíu gravar o seu disco fóra do país por vez primeira, ultimamente estaban a gravar os traballos no Pousada Son con Iago Pico e antes os seus discos saíron das factorías de Grandío, Casa de Tolos, e Abreu, Océano Estudio, no Baixo Miño.

Despois de 4 anos de silencio compositivo, algo estraño nunha banda tan prolífica como Ruxe, e de diversas mudanzas na banda até daren coa formación que semella vai encarar esta nova etapa, os de Aríns decidiron viaxar até Euskal Herria para procurar esa sonoridade do rock radikal vasco do que sempre foron debedores, algo moi axeitado ademais para a impronta que queren marcar nesta nova etapa, probablemente máis próxima aos seus primeiros discos do que aos traballos máis recentes. E desde logo, nada mellor para isto que iren até a cerna mesma, que foi o que fixeron.

Se o conseguiron ou non é algo opinable, nós achamos que si, mais nada mellor que escoitares o disco para te faceres unha opinión ao respecto. Alén dos temas que foron publicando, con cadanseu videoclip, estas semanas, no novo traballo salientan 'Lei de vida' ou 'Doente e afiado', puriño punk rock, aínda que o traballo recolle todo o abano de posibilidades estilísticas dos Ruxe, do punk electrizante dun tema de apenas 1 minuto, pasando polo ska gaiteiril até os medios tempos que acollen os temas máis íntimos.

Por outra banda, o sábado 15 de febreiro a sala compostelá acollerá a presentación do 'Black Álbum' dos Monoulious Dop. A banda de Noia publicou 'Black Álbum' na rede o pasado 3 de febreiro. O terceiro disco de Monoulious contén 14 temas cheos de rock, funk e letras divertidas. Retrousos que che quedan na cachola, profundas cancións de amor irónico, un rock'n'roll dedicado ao Tinder e máis alfaias como o adianto, Porto Vice, ao que andamos enganchados na casa desde que saíu.

Pois todo isto chegará á Capitol o sábado 15, ás 21:15h. As entradas, a 8€ anticipada e 12€ na billeteira.

 

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto