O Sonoro Maxín presenta nova formación esta fin de semana

Os días 28 e 29 de febreiro O Sonoro Maxín volven aos escenarios tras un ano de silencio. Presentan un novo espectáculo cheo de cumbia, festa e verbena. A banda retoma os instrumentos para amosar que continúan sendo a alma da festa. Santiago e Mos serán os lugares que verán a volta do Sonoro Maxín. Despois dun período de parón e tras a saída de Cris Asenjo, a banda ourensá volve aos escenarios con formación e azos renovados para seguir o seu apostolado cumbieiro ao longo do país.

Hoxe mesmo, sexta feira 28 de febreiro, e mañá sábado 29, O Sonoro Maxín levará o seu novo directo ás salas Malatesta e Rebullón. Farano acompañados dos vascos Gatibu, unha banda ben interesante que non adoita deixarse mirar moito polo noso país. 


'De navallas e de cumbias', velaí o nome -e a clarísima declaración de intencións- dunha banda que pretende, segundo eles propios din "comezar, como unha tarazana, un camiño de ida e volta para compartir, a través da súa música, os momentos e os lugares nos que naceu, creceu e amou".

De navallas e cumbias: Toda unha declaración de intencións Cando o chifro soa e roda a tarazana, as navallas e os coitelos abandonan os petos e os fondos dos caixóns, onde durmen. Ocupan a rúa. Procuran un novo fío. Buscan cortar de novo. Nestes tempos tan ingratos cómpre ter a man unha navalla ben afiada. A nosa navalla é a canción. Tamén o baile.O Sonoro Maxín comeza, como unha tarazana, un camiño de ida e volta para compartir, a través da súa música, os momentos e os lugares nos que naceu, creceu e amou. Reclamando un espazo para poder bailar mellor. Reivindicando a música como unha arma de construción masiva. A pedra está amolando as nosas cancións, deixándoas ben xeitosas para partir polo medio a intolerancia que nos está a invadir. Esperta o coitelo do seu soño. Saca a túa navalla preferida. Déixanos acompañarte a darlle unha tallada a esta verbena mundial na que vivimos.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto