Mañá venres, novo programa de GZmúsica TV

GZmúsica TV volve ás súas pantallas. Mañá venres, á medianoite, emitindo no TDT e na rede, a música galega entrará de volta nos seus fogares. Despois do exitazo do noso Episodio Piloto, -que leva 500 reproducións na nosa web e outras tantas no Youtube-, esta fin de semana volvemos cunha nova posta de música galega. Punk, folk, hip hop, o que ferve na rede,...entérate do que imos contar no Episodio 1 de GZmúsica TV.

Será, coma sempre, o venres 15 ás 24:00h horas en Vía TV, -TDT para a provincia de Pontevedra-, e en streaming desde a nosa web, con reemisión o domingo 17 ás 23:30h, igualmente por esas dúas canles. Pero se non o podes ver venres 15 ou domingo 17, non te preocupes, tamén o imos subir á nosa web para que poidas velo cando che pete.

Neste Episodio 1, entrevistamos os Bastards on Parade, -que andan a presentar novo EP por Europa- e ofrecerémosvos un par de temas ao vivo do seu concerto no Salason de Cangas. Tamén falamos cos aragoneses Prau, que estiveron de visita polo país hai uns días, presentando o seu novo disco, Pietz en a tierra. Moito ollo, porque os Prau nos agasallan co seu novo videoclip, que se presenta precisamente mañá en Aragón e que poderemos ver nós no noso programa.

Máis música ao vivo  

Non só teremos os Bastards ao vivo neste Episodio 1. Tamén fomos até Compostela á presentación do Ritmo Serbio de Terbutalina, estivemos coa Magnifique Bande dos Homes sen Medo e aínda pasamos por Vigo para gravar un temiña do concerto que Wöyza deu hai uns días no Kingston Club da cidade olívica.

Outro videoclip, Invasão de Peixoto&Barroso, información sobre o novo traballo da Compañía do Ruído e un repaso aos actos do 10º aniversario da web abretedeorellas.com formarán tamén parte deste novo Episodio de GZmúsica TV. A música galega xa ten o seu programa de TV...avante toda!

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto