A Compañía do Ruído, ao vivo en Nou Barris no 2006

Alá polo ano 2006, A Compañía do Ruído visitaba Catalunya como unha das bandas da delegación galega -xunto aos Tres Trebóns- que participaba na segunda edición da Foliada. Agora, veñen de subir á rede o vídeo do seu concerto íntegro, unha mostra do que pode facer a tripulación comandada polo Capitán Chumeiras. Nel podedes ollar A Compañía coa formación da primeira etapa, que arrasou o país nun par de veráns cheos de concertos inesquecibles, e a súa colección de temas transformados xa en himnos da festa, unha hora da mellor música do país. Si, señora, música galega. Galician Music...xa o sabedes, só existe ruído!


A Foliada era -é- unha fin de semana de festa, reivindicación e cultura, de sede itinerante, que achegou os pobos galego, catalán e -máis tarde- canario durante os primeiros anos deste século. A conexión musical Galiza-Catalunya naceu no 1998, coa chegada a Nou Barris - barriada operaria barcelonesa con ampla presenza de galegos, andaluces,etc- da Caravana de Culturas, encabezada polos Diplomáticos de Monte Alto e uns Rastreros que volvían ao barrio barcelonés onde pasaran os anos de infancia. Un ano despois, O Jarbanzo Negro comeza a visitar con asiduidade Nou Barris, a colaborar nas actividades do seu Ateneu até finalmente se instalar na cidade catalá e afianzar a conexión para sempre.

Porén, non foi até o 2003 que xurdiu a Foliada, ao primeiro coma unha actividade que non tiña pensado ter unha continuidade temporal. Tratábase dunha invasión festeira por parte d@s galeg@s, que foron até aló para mostrar o que se facía neste recanto arredado da península. Cultura, gastronomía, festa,... un anaco do noso país transplantado no Mediterráneo. E o que ía ser unha cita puntual transformouse a partir de 2006 nun encontro itinerante, que tiña sede fixa en Catalunya -Nou Barris- e que na Galiza visitou Cerceda, no 2007, e Redondela, no 2009. Os anos pares, Catalunya e no 2011 primeira incursión illeira, coa celebración da Foliada en Guanarteme, na illa de Gran Canaria. Polo que sabemos, a última edición celebrada polo de agora. Mais non ha ser a derradeira.

Precisamente na edición do 2006, unha das bandas galegas que se achegaron até Nou Barris foi A Compañía do Ruído. Velaquí o directo íntegro da súa actuación no barrio barcelonés.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto