'Outra volta de roda', novo disco da Roda

O xoves 8 de maio, o Salón Teatro de Compostela acollerá a presentación do novo disco da Roda. 'Outra volta de roda', onde a histórica formación di volver "á fonte limpa", revisando o pasado para escribir o futuro, versionando 13 coñecidas cancións da música popular. Mentres non lle botamos unha escoita ao disco, podemos ollar o videoclip de A dorniña, unha das voltas de roda da Roda.


Depois de moitos anos de bagaxe quixemos voltar á fonte limpa, revisamos o pasado para escribir o futuro, dende unha nova óptica, este disco é produto das nosas inquedanzas, de novas experiencias, da madurez. Cada un de nós é parte do carro e fai que sone de novo o eixo, seguido dun miudiño son de inveteradas borracheiras, o betoque que suxeita a lamia, que suxeita a roda, que suxeita o carro...

Con estas palabras comeza o libro-cd “Outra Volta de Roda”, o traballo número dezaseis do grupo folk galego A Roda.

E como eles mesmos din tamén, trátase "dun libro sen título aparente, nunha portada aínda menos esclarecedora, pero suxestiva abofé; un horizonte de expectativas e toda unha declaración de principios que pretende engaiolar ó lector-oínte dende o primeiro intre".

Un cd que resume e presume de condensar toda unha historia, case corenta anos a través da mirada persoal de cada un dos participantes, dende os prezados colaboradores: Najla Shami, Emilio Rúa, Ses, Luis Iglesia, Luis Vaamonde, Miguel Costas, Pancho Álvarez... ata os pensadores ilustres que enchen cada unha das follas coa súa voz, e por suposto a imaxinaría do pintor Ramón Trigo.


Para A Roda o traballo supón un punto de inflexión na súa andaina polos eidos da música popular galega, unha rara avis, por iso a volta, como retorno ou labranza do pasado, como revolta ou cambio no futuro. Isto explica que as 13 voltas de Roda que dá o disco, é dicir as 13 cancións que ten, sexan unha aposta pola música de sempre. 13 grandes éxitos revirados ou dados volta.

“Outra Volta de Roda” é ademais unha homenaxe a toda a xente que pasou pola súa formación, é a lembranza de Fito, un disco na memoria do eixo da Roda.


Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto