Raiba e Xardín Desordenado, 2 novos proxectos Verkami

Raiba e Xardín Desordenado están atrás de 2 novos proxectos na web de micromecenado Verkami. Trátase en ambos os casos do segundo disco das formacións. Raiba quere o apoio para masterizar e editar Versos da Revolta e Xardín Desordenado dedicará o diñeiro á gravación e edición de Aprendendo a ladrar. Desde apenas 4 ouros no caso dos metaleiros Raiba e desde 15 ouros para o combo jazzístico do Xardín Desordenado podes facer a túa achega e axudar a que estes dous interesantes proxectos cheguen a se realizar.


VERKAMI RAIBA

Os Raiba xa rematamos a gravación do noso segundo traballo VERSOS DE REVOLTA . O disco foi gravado en Ultrasound Studios (Braga) por Pedro Mendes. Inda queda a masterización e a edición do disco e por iso precisamos a vosa axuda.

Xa temos un traballo de estudo pubicado, Por Vivir que foi gravado no 2011 en Océano Estudios da man de Javier Abreu e masterizado por Mika Jussila. Grazas a este traballo percorremos todo o país amosando a nosa música.

QUE FAREMOS CAS VOSAS APORTACIÓNS?

Un disco leva consigo moitos gastos: gravación, masterización, deseño, fabricación..... A cifra que pedimos é unha pequena parte do custo total de todo o disco, é o derradeiro empurrón que precisamos para poder rematalo. En agradecemento pola vosa xenerosidade faremos unha edición especial do disco, feita dun xeito artesanal e moi coidado.




VERKAMI XARDÍN DESORDENADO

Descrición do proxecto

Xardín Desordenado é unha reunión de músicos que, hai algún tempo, decidimos achegarnos ás librarías e ás bibliotecas, para gozar da poesía sen solemnidades. Non encontramos mellor modo de apoderarnos dos poemas que convertilos en cancións: swing, blues, bossa... que mostramos logo en auditorios e recintos culturais, pero tamén nos bares e nas rúas. O proxecto consolidouse nun CD sobre textos de poetas homes que xa foi amplamente difundido.

"Aprendendo a ladrar" será o noso segundo disco. Un proxecto que reúne cancións compostas sobre textos de poetas galegas, no que realizamos un percorrido dende Rosalía de Castro ata as autoras contemporáneas. O listado inclúe poetas das últimas décadas: Carmen Krukemberg, Marica Campo, Marta Dacosta, Luz Pichel, Enma Pedreira, Yolanda Castaño, Maria Lado...etc. Ao longo do CD quedan en evidencia as evolucións temáticas e estilísticas da poesía feminina, así como o papel da muller na sociedade. Unha evolución que Xardín Desordenado resume no título "Aprendendo a ladrar" tomado dun poema de Olga Novo, incluído no proxecto.
Como no noso anterior disco,utilizaremos diversos ritmos e climas musicais, acomodándoos ao argumento e talante de cada un dos poemas; a coherencia do proxecto lógrase mediante os arranxos cálidos - que proporcionan os nosos instrumentos acústicos - e mediante as voces de Marlene e Santiago Ferragud.

Facebook Xardin Desordenado

Soundcloud Xardin Desordenado

A QUE DESTINAREMOS AS VOSAS ACHEGAS
A recadación destinarase á gravación e edición do disco: gastos de estudo, mestura, masterización, deseño e fabricación dos CDs

CALENDARIO
Os músicos entraremos no estudo este mes de maio. Durante os meses de maio e xuño realizarase a gravación, mestura e masterización. En paralelo traballarase nas fotos e o deseño do disco. Espérase que todos estes traballos estean listos a finais do mes de xuño, para envialo a fábrica.

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto