Música e castañas, plan para o sábado en Cangas

O vindeiro 8 de novembro, Liska! e Superoito irán até Cangas para tocar no Magosto organizado polo CS A Tiradoura. A banda de ska viguesa aproveitará ademais para presentar o seu novo videoclip. E os de Ordes pisarán por vez primeira un escenario do Morrazo. Concerto ás 22:30h, presentación do videoclip ás 21h, e xa desde primeira hora da tarde magosto popular. A entrada do concerto custa 4€. Música e castañas para tod@s este sábado no CS A Tiradoura de Cangas do Morrazo


2 das bandas galegas con máis proxección do panorama rock e ska galego estarán a vindeira fin de semana no Morrazo. Os vigueses Liska! achegarán até o Centro Social de Cangas toda a súa carga de tralla ska e letras combativas. A banda xa é coñecida na comarca, de feito aínda estiveron o pasado mes de setembro tocando no Festimar de Marín. Mais desta volta cruzan a ría con novidades debaixo do brazo. Ás 21h presentarán o seu novo videoclip, Sonhos de raiva, do que xa podes ver o tráiler. Con este vídeo, Liska! semella pór un punto e á parte despois de xirar por todo o país co seu primeiro LP e anuncia mudanzas na banda para 2015, polo que esta pode ser uha das últimas ocasións de gozar coa formación actual.

Porén, os que van subir por vez primeira a un escenario do Morrazo son Superoito. A banda de Ordes leva apenas un ano tripando escenario polo país, pero xa se fixo un oco entre as propostas sobranceiras do rock galego. Outro produto máis da inesgotable factoría do Ordes Sound -Que carallo é o que pasa nesa vila que non deixan de saír bandas????- que leva 90 concertos desde que botou a andar. E xa anuncian que para o "centenariazo" han presentar novo disco, estean atent@s! Mentres non chega, podemos botarlle un ollo ao videoclip que sacaron o pasado verán.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto