Bolboreta está de estrea

Bolboreta presenta o seu disco de estrea. A formación liderada pola multiinstrumentista Lydia Botana sairá mañá xoves ao escenario da Sala Garufa da Coruña para nos dar a coñecer o seu debut discográfico. Músicas do mundo, na liña dos temas que xa foi dando a coñecer a coruñesa, con toda a enerxía positiva que transmite en todo o que fai, xa sexa coa súa banda ou nas innumerables colaboración que leva feito nos últimos anos. Ademais, ás 12 da noite do xoves proxectarán no Garufa o seu novo videoclip, producido por Gambeat, membro da formación de Manu Chao.


Acabada de chegar das Canarias, onde pechou o ciclo deste ano 2014 cun par de concertos na illa de Tenerife cunha banda que montou alí con amigos italianos, Bolboreta preparase para a presentación en sociedade do seu disco de estrea. Será o xoves 4 de decembro ás 22.30h, nun concerto de avance do disco na SALA GARUFA de Riazor (A Coruña). Alí Lydia e a súa banda, -baixo, percusión e frauta- debullará os temas do traballo. Ao remate, contra as 00:00h proxectarán o videoclip do single do disco, Nunca choveu, producido por Gambeat (Mano Negra, Manu Chao) coa colaboración estelar do diplomático de Montealto Xurxo Souto. Durante a noite colaborará tamén o García Mc, ou Vitín, pai da artista. A entrada son 5€ cunha consumición incluída coa entrada.

Porén, se non podes ir á noite, aínda tes outra opción. Bolboreta estará, en solitario, ás 7 e media da tarde tamén mañá xoves na Biblioteca da Sagrada Familia da Coruña, pechando o ciclo Xoves na Sagrada.

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto