Brais Morán e Virandeira Folk tamén apostan no micromecenado

Agora mesmo hai 160 proxectos activos na web de micromecenados Verkami. Entre eles, atopamos dous vinculados á música galega. A estrea en solitario de Brais Morán, vocalista de Loretta Martin, e mais o novo disco de Virandeira Folk. Se tes a inmensa sorte de chegares a fin de mes con 20€ no peto, xa sabes como investilos ben.

É indubidable que o crowfounding mudou de vez a relación entre artistas e público, nomeadamente na pequena e mediana escala. Nese nivel, no que se move a totalidade da música do país agás probablemente o Carlos Núñez e pouquísimos ou ningún grupo máis, unha formación que consiga ter un par de milleiros de seguidores fieis, dispostos a se deixar 20 ou 30 euros anuais na súa banda favorita ten garantida a posibilidade de ter unha traxectoria viable. Obviamente unha traxectoria que non se podería cualificar alén de "semiprofesional" no mellor dos casos, mais tamén con certeza o único camiño posible para artellar pouco a pouco unha escena musical no país fóra do control da industria da música. Unha escena alicerzada nunha sorte de "asemblearismo", dese que está tan de moda ultimamente no mundo da política e que forma parte do xeito galego de facer as cousas desde hai séculos, como precisamente mostra unha das últimas iniciativas do país exitosas na devandita plataforma.

Brais Morán

Volvendo ao rego estritamente musical, o Brais Morán ten aínda máis dun mes para acadar o obxectivo fixado no seu crowfounding. O guitarrista e vocalista de formacións coma Loretta Martin ou Os Jamiros de Monte Alto prepara o seu primeiro disco en solitario despois de 15 anos de andaina musical. Segundo el propio: "Neste traballo poderedes atopar rock, pop e mesturas de estilos funk, étnicos, tribais e mesmo folk. Será un disco moi persoal na miña carreira musical, con temas propios e inéditos, agás un poema de Rosalía de Castro musicado por min, e con moitas referencias á Costa da Morte, onde medrei, ás vivencias do día a día e á Galicia actual".

Dende hai uns meses, podedes ver un adianto do novo disco na rede co tema “En paz”, un videoclip gravado, mesturado e masterizado nos Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero e coa dirección e realización de Omar Rabuñal.

 

 Eis o seu Verkami

Virandeira Folk

Pola súa banda, os vigueses Virandeira Folk andan tamén enleados cun proxecto na plataforma. A máis de 35 días para a finalización, e cun 25% do financiamento acadado, semella que o segundo disco desta formación poderá ver a luz a través do micromecenado. No caso de Virandeira, o traballo de produción musical está case rematado, polo que o diñeiro recadado irá nomeadamente para a edición física do disco. O propósito da banda é editalo entre abril e maio e comezar despois unha serie de concertos de presentación.

Velaquí o seu novo videoclip, publicado esta mesma semana

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto